O alcalde de Ferrol, Ángel Mato, presidiu esta mañá no
Teatro Jofre o acto oficial pola festividade de San Xiao, no que se consolidou a irmandade
entre as cidades de Lugo e Ferrol e entregáronse o título de Ferrolán do Ano ao catedrático
de Microbioloxía e decano da Facultade de Bioloxía da Universidade de Santiago de
Compostela (USC) Jesús López Romalde (Ferrol, 1964) e as Insignias de Ouro 2022 aos
centros educativos A Laxe, de Valón, e Jesús Maestro, á Asociación de Persoas Xordas
de Ferrolterra, ao equipo Abeconsa Basketmi e a Rafael Pillado.
Na súa intervención, o alcalde lembrou que “reunímonos de novo para estreitar os
lazos que nos unen coa cidade irmá de Lugo e para homenaxear a persoas e entidades que
contribuíron e contribúen a construír Ferrol”. Ambas cidades “atópanse neste momento,
como outras moitas cidades que apostan forte pola súa modernización, na materialización
dun modelo que ten como obxectivo algo tan simple, e tan complicado ás veces, como é
acadar a mellora da calidade de vida das persoas”.
O potencial de Ferrol púidose ver “estes últimos días, durante os que milleiros de
persoas se apropiaron do centro urbano con total naturalidade para gozar dunha das
épocas máis especiais do ano, o Nadal”. Esa “vitalidade que exhibiron as nosas rúas é o
reflexo do que está a acontecer na cidade a todos os niveis”, apuntou. Ferrol “está no
inicio dun período de gran dinamismo que debe servir para asentar o seu futuro a longo
prazo”.
Actividade asegurada no ámbito naval
A principal industria da cidade, a naval, lembrou Mato, “ten asegurada a súa actividade
co desenvolvemento de novos programas e coa continua apertura de mercados nas súas
diferentes unidades produtivas”. O programa de construción “máis ambicioso da historia
recente da Armada xa está en marcha no estaleiro” e durante este ano a área de
Reparacións “demostrou as súas capacidades e a propia cidade notou o impacto que teñen
para a economía local encargos como o que asumiu para unha multinacional canadiense”.
Por outra banda, a comarca “é cada vez máis líder nun sector tan estratéxico coma
o das renovables, tanto na construción de instalacións para a eólica mariña como na
incipiente sector do hidróxeno verde, con varios proxectos nos que xa están implicadas
algunhas das empresas enerxéticas máis importantes”. En resumo, dixo Mato, Ferrol “ten
magníficas perspectivas en canto a emprego industrial, que é o motor da nosa economía”.
Todo isto “debe servir para seguir asentando na cidade coñecemento, retendo o talento e
ofrecendo posibilidades de futuro á xente máis nova”. Basta pensar, dixo, que en “pouco
espazo de tempo se conseguiron tres centros de excelencia industrial na cidade e comarca, un no CIS, outro en Navantia Ferrol e outro en Navantia Fene”. “Destacadas empresas de
enxeñaría e tecnolóxicas están abrindo sedes en Ferrol”.
Agora, un polo I+D
O alcalde tamén fixo referencia ao novo de I+D en enerxías renovables e almacenamento
que se vai crear ao abeiro dos Fondos de Transición Xusta e polo que “nestes momentos
estamos traballando para que se asente na cidade”.
Neste ámbito, lembrou que “as UMIs Navantia-Universidade teñen xa unha sede
estable en Ferrol”. O campus industrial de Ferrol “é xa unha referencia para este tipo de
estudos, con oito grados distintos en enxeñaría e coa consolidación dunha titulación de
xestión industrial da moda”. Tanto nese ámbito coma no urbano e social “estamos
sentando as bases do futuro de Ferrol, e ese futuro é moi prometedor”. Para rematar, o
alcalde apuntou que Ferrol ten “moitas razóns para confiar nas nosas capacidades e en
que saberemos aproveitar esta oportunidade. Só temos que crelo e traballar unidos”.
Pola súa banda, a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, destacou a transformación que
están a vivir ambas cidades. Unha transformación, dixo, que na urbe que dirixe pasa por
un cambio físico sempre tendo en conta a sustentabilidade co obxectivo de camiñar cara
unha cidade para as persoas, empática e inclusiva. A rexedora tamén fixo referencia á
creación de emprego e á transformación económica en Lugo, “aproveitando as
oportunidades, instrumentos e materia prima que temos”.
Entrega de distincións
A continuación, o alcalde de Ferrol repasou a traxectoria dos galardoados no día de hoxe.
En primeiro lugar, lembrou que a corporación municipal quixo recoñecerlle a súa
traxectoria sindical, política e vital a Rafael Pillado non só pola súa valía e polos seus
méritos persoais. “Tamén se decidiu así porque é un verdadeiro símbolo da loita polas
liberdades, e este ano que acaba de rematar conmemoramos o 50.º aniversario dos sucesos
do 10 de marzo de 1972”. Durante toda a súa vida “destacouse na defensa dos dereitos dos traballadores, e esa tarefa continúa aínda hoxe”, apuntou Mato. Pola súa banda,
Pillado agradeceu ao Concello de Ferrol “un recoñecemento que se suma aos actos polo
50.º aniversario dossucesos do 10 de marzo de 1972”. A insignia de ouro “valora o mundo
do traballo” e especialmente “o esforzo e sacrificio desenvolvido nos últimos anos en
defensa das liberdades”. Pillado tamén agradeceu o cariño recibido por parte da sociedade
ferrolá.
A directora do colexio A Laxe, Patricia María Cons, recibiu a insignia de ouro
concedida ao centro en recoñecemento a un destacado traballo en pro da inclusión e do
desenvolvemento de todo o alumnado. O ensino das nenas e dos nenos “vai moito máis
alá da simple adquisición de coñecementos, e iso é precisamente o que vén demostrando
este colexio a través da estimulación das capacidades concretas das alumnas e dos
alumnos”, expresou Mato. A directora, pola súa banda, agradeceu o recoñecemento do
Concello de Ferrol e destacou o “ambiente familiar e a estreita relación entre alumnado e
familias”. O centro, dixo, “desenvolve as potencialidades dos alumnos, con multitude de
programas e un equipo docente moi comprometido”.
Tamén o CPR Jesús Maestro recibiu a insignia de ouro 2022, que hai xa 75 anos,
en plena posguerra, puxo en marcha na cidade un modelo que perseguía mellorar a
calidade educativa en tempos difíciles. Hoxe, lembrou o alcalde, o colexio segue un
sistema pedagóxico no que destacan o plurilingüismo e as tecnoloxías da información e
a comunicación. A súa directora, María Begoña Alguacil, quen agradeceu un galardón
que “é para as familias, o profesorado e o alumnado, é dicir, para toda a familia do centro”,
expresou que o recoñecemento é un “estímulo” para seguir desenvolvemento o labor
educativa.
Hoxe tamén se celebrou o aniversario, neste caso os 50 anos, da Asociación de
Persoas Xordas de Ferrolterra, representada no escenario pola súa presidenta, Teresa
Gallo. Son “cinco décadas de traballo permanente en pro dos dereitos das persoas xordas,
na defensa da igualdade e na visibilización da súa cultura e o fomento da súa lingua
propia”, lembrou o alcalde. Pola súa banda, Gallo agradeceu ao Concello de Ferrol o recoñecemento, que servirá para visibilizar ás persoas xordas e o esforzo da entidade. É,
dixo, como un “tesouro”.
Sobre o Basketmi, o alcalde lembrou que se trata dun clube nacido para fomentar a
práctica deportiva entre as persoas con discapacidade e que ao longo da súa traxectoria
acadou destacados éxitos, coma o primeiro posto na Primeira división de baloncesto
adaptado. Na actualidade “só existen en Galicia dous equipos desta disciplina, e é un
orgullo que un deles represente a Ferrol”, indicou. O seu presidente, Álvaro Illobre,
agradeceu a insignia de ouro e mencionou a loita, o esforzo, a humildade como valores
do club, e sobre todo a familia que forma.
Finalmente, a corporación acordou concederlle o título de Ferrolán do Ano a Jesús
López Romalde, decano da Facultade de Bioloxía da Universidade de Santiago dende hai
algo menos dun ano. Os seus traballos sobre a detección de virus en augas residuais “foron
moi importantes para seguir a evolución da pandemia da covid en España”, lembrou Mato.
Durante a súa carreira acadou importantes premios científicos, entre os que se conta a
Medalla Ángeles Alvariño, que lle entregou recentemente a Academia Galega de Ciencias.
Jesús López Romalde “é unha mostra destacada dese talento ao que me refería
antes”. Do talento “que esta cidade xerou ao longo da súa historia e que, máis que nunca,
aspiramos a reter entre nós para que Ferrol ocupe o lugar que merece”, indicou o rexedor.
Pola súa banda, Romalde agradeceu a distinción e lembrou a súa infancia na cidade e a
súa vocación de ser biólogo. “É unha honra” ser Ferrolán do Ano, un “acicate” para
traballar con máis esforzo e “desde hoxe levarei con moita honra o compromiso de ser
embaixador da cidade máis alá da nosa terra”. O acto rematou coa actuación musical a
cargo de Sabela King & The Heartbreakers.