A cabalgata dos Reis Magos organizada polo Concello de
Ferrol para este Nadal desfilará mañá xoves, 5 de xaneiro, polas rúas da cidade. Está
prevista a chegada en barco das súas maxestades os Reis Magos ao Porto de Curuxeiras
ás 17 horas e media hora despois está previsto o seu traslado en coche ata a rúa
Venezuela, desde onde partirá a cabalgata ás 18 horas.
O percorrido continuará pola rúa Colombia, Estrada Castela, rúa Pontevedra, Cuntis,
Roi Xordo, acceso á Praza España, rúa María, rúa Méndez Núñez, rúa Real, rúa
Rubalcava e Praza de Armas.
Participarán nove carrozas temáticas: ‘Mellor en bici’, ‘Planeta nas nosas mans’,
‘Harry Potter’, ‘Hansel y Gretel’, ‘O mar amigo’, ‘Rey León e Madagascar’, ‘Cidade
Fantasía’, ‘Parques para vivir’ e a de Urbaser, cos xa coñecidos PeRRRecicladores Pel Tico e Idro. Tamén participará unha carroza do Arsenal militar e o camión de
bombeiros coñecido como ‘Mofletes’.
A animación da cabalgata correrá a cargo da banda de gaitas de Ares, a banda
Bamboleo Circo, La Guagua con animación sobre Harry Potter e do Rey León, Estudio
Danza Paloma, Agrupación musical Virxe da Amargura, Teatro La Cosa, Latexo
Batucada e a Banda de gaitas Agarimo. Ademais, ao longo de todo o percorrido
repartiranse un total de 2.500 quilos de caramelos aptos para diabéticos e celíacos.
Está prevista a chegada dos Reis Magos á praza de Armas ás 20 horas
aproximadamente. Saudarán desde o balcón do pleno do pazo municipal e a
continuación recibirán aos nenos e nenas da cidade na carpa de Nadal da praza de
Armas.
Tamén servizo de ludoteca e pasarrúas por diferentes barrios
Ademais da cabalgata dos Reis Magos, a programación de Nadal deseñada polo
Concello inclúe para mañá xoves o servizo de ludoteca na carpa de Praza de Armas, de
11 a 13.30 horas. Como no resto de días de Nadal, mañá tamén haberá pasarrúas por
diferentes barrios. A animación ‘A máxica noite de Reis’ pasará por Canido de 11.30 a
12.00 horas, pola Magdalena de 12.00 a 12.30 horas, por Ultramar de 12.30 a 13.00
horas e por Catabois de 13.00 a 13.30 horas.
A oferta de ocio de Nadal proposta polo Concello de Ferrol concluirá o sábado, 7
de xaneiro, coa última sesión de ludoteca, de 11 a 13.30 horas e de 17 a 20.30 horas, e a
tradicional degustación de balde de arroz con leite na carpa da praza de Armas, de 18 a
21 horas, nun evento que contará coa actuación musical de Los Primerizos e Keipers.