A Xunta de Goberno Local aprobou hoxe un ambicioso
proxecto de reurbanización do primeiro tramo da estrada de Castela, o comprendido
entre a praza de España e a praza do Inferniño. Trátase dunha operación cofinanciable
polo Fondo Europeo de Desarrollo Regional (Feder) no marco do Programa Operativo
Plurirregional de España Feder 2014-2020 ao abeiro da Estrategia de Desarrollo Urbano
Sostenible e Integrado (Edusi) “Ría de Ferrol, Cidade 2020”, cun orzamento estimado
para a execución das obras que ascende a 2.206.933, 22 euros (IVE incluído). O prazo
de execución estimado é de 18 meses.
“O obxectivo deste proxecto é crear un novo eixo vertebrador entre as dúas
prazas. A actual rúa, que nalgúns tramos conta con cinco carrís para o tráfico,
convertiríase nunha avenida con beirarrúas de entre oito e nove metros para uso e goce
dos peóns”, explicou o voceiro do goberno local, Julián Reina, na súa comparecencia
posterior á reunión da Xunta de Goberno. Implantaríase un carril bici para unir a praza
de España, a do inferniño e o parque de Esteiro e tamén se contempla a reordenación
das interseccións para potenciar a conexión de Recimil co Ensanche e coa FE-14.
O proxecto inclúe tamén a plantación de novas árbores de gran porte, unha nova
iluminación con tecnoloxía LED, a renovación dos servizos e o soterramento dos
cables. Ademais, renovaríanse todos os pavimentos e o mobiliario urbano de acordo
coas características do que existe no resto da estrada de Castela.
Un dos elementos máis destacados é a instalación dunha gran fonte ornamental
na nova rotonda de encontro coa avenida da Paz e a avenida das Pías. No deseño, a pía
central está enmarcada por dous arcos metálicos de 8,5 metros de altura, a cuxo pé se
sitúan rótulos coa imaxe corporativa de Ferrol cunha lonxitude de 5 metros.
Cabalgata de reis
Reina informou tamén de que a Xunta de Goberno acordou a adxudicación da
produción e execución da Cabalgata dos Reis Magos de 2023 por importe de
108.272,88 euros, IVE incluído. Segundo avanzou, as carrozas dos Reis xirarán en torno
a temáticas moi recoñecibles polos máis pequenos, como son os mundos de Harry
Potter, Hansel e Gretel ou o Rei León. Ademais das tres carrozas reais, haberá outras
cinco de diversas temáticas.
“O percorrido será similar ao habitual, pero nos vindeiros días, en canto se
formalice o contrato, definiranse os detalles finais coa empresa adxudicataria en canto a
horarios e á recepción dos Reis ás nenas e aos nenos”, detallou o concelleiro.
Rehabilitación
Finalmente, o portavoz explicou que o goberno local aprobou o pasado xoves, en
reunión extraordinaria, a participación do Concello de Ferrol no programa de axuda ás
actuacións de rehabilitación a nivel de barrio do Plan de Recuperación, Transformación
e Resiliencia, e a remisión da documentación correspondente ao IGVS, que se encarga
do reparto dos fondos achegados polo Goberno central.
Julián Reina lembrou que a Xunta de Galicia anunciaba a semana pasada que se
lle concederon a Ferrol 3,5 millóns de euros para rehabilitación ao abeiro deste programa, pero que a cantidade que tiña solicitada o Concello era de 20,9 millóns,
debido ao dinamismo do mercado da rehabilitación na cidade.
Esa sexta parte distribuirase entre A Magdalena-Ferrol Vello (1.516.073,08
euros), Esteiro Vello (378.150 euros), Recimil (963.000 euros) e A Graña (90.900
euros). Froito deste programa, os tres primeiros contarán tamén con 227.410,96 euros,
56.722,50 euros e 133.343,46 euros para obras de reurbanización. O resto do importe
asígnase a sufragar os equipos técnicos.