O Concello de Ferrol vai celebrar a segunda edición da
Semana do Patrimonio Invisible de Ferrol entre os días 14 e 18 de decembro con máis
visitas, máis prazas e máis días, segundo explicou esta mañá a concelleira de Patrimonio
Histórico, Eva Martínez Montero, durante a presentación do programa, que será
totalmente de balde para o público.
A edil lembrou que tras o éxito da iniciativa o pasado ano, cando se esgotaron as
estradas en media hora, este ano o Concello suma un día máis ao programa de visitas,
amplía o número de espazos, dos 8 do pasado ano a 10, e suma 165 prazas máis, o que
fan que este ano se oferten un total de 525, todas de balde. A reserva habilitarase o
venres 9 de decembro, a partir das 17 horas, a través da web
patrimonioinvisible.gal.
Martínez Montero indicou que o obxectivo é “achegar aos ferroláns espazos cun valor
patrimonial, histórico e cultural totalmente único e indiscutible habitualmente inaccesibles para o público”. Esta iniciativa, dixo, “está na liña deste goberno de poñer
en valor e promover o noso rico patrimonio histórico”.
Seis espazos novos respecto á primeira edición
A edil, acompañada por César Abella, coordinador do evento, indicou que a II edición
da Semana do Patrimonio Invisible abrirá as portas dun total de 10 espazos, dos que 6
son novidades absolutas. Así, as persoas que participen nesta nova edición poderán
descubrir recunchos descoñecidos de edificios como a Cociña Económica, un dos
inmobles máis senlleiros do arquitecto Rodolfo Ucha e que na actualidade acolle unha
das institución de maior calado e importancia social na cidade. Outra institución que se
suma a esta nova edición é o Ateneo Ferrolán, para coñecer toda a historia a traballo
feito en prol da cultura galega nos máis de 140 anos de vida.
Igualmente poderase visitar o Palacio de Capitanía, que abrirá as súas portas para
apreciar o interior dunha das grandes xoias do patrimonio arquitectónico ferrolán, e o
Cuartel de Dolores e Fontelonga, construído por Sanchez Bort no século XVIII e que
aínda conserva o seu uso como cuartel. Percorrerase o Campus de Esteiro para
relembrar a transformación urbanística e arquitectónica do que era o antigo Hospital de
Mariña en sede da Universidade, unha visita que incluirá algúns dos edificios máis
emblemáticos do campus, como a Casa do Patín, a Facultade de Humanidades ou o
CITENI.
Xa fora do ámbito urbano, e localizado nun dos lugares de maior beleza
paisaxística de Ferrolterra, a II edición da Semana do Patrimonio Invisible abrirá as
portas do Faro de Cabo Prior, edificio que leva en funcionamento dende o ano 1854
guiando coa súa luz e sereas aos mariñeiros que navegan a Costa Ártabra.
Aos espazos novos súmase a continuidade doutros catro lugares que foron
acollidos con moito éxito na pasada edición. É o caso do Arquivo Intermedio Militar do
Noroeste, o Casino Ferrolano, o Teatro Jofre e a Estación Naval da Graña. Neste último espazo, e trala extraordinaria demanda do ano pasado, multiplícanse por dous os
percorridos, facendo visitas dobres tanto na xornada do sábado como do domingo.