venres, 02 de decembro de 2022
O Concello inicia o proceso de selección para o novo Programa Integrado de Emprego, que oferta 100 prazas para desempregados
O plan desenvolverase ata o mes de novembro de 2023
O Concello de Ferrol vai desenvolver durante o presente mes de decembro o proceso de selección para o novo Programa Integrado de Emprego, que oferta un total de 100 prazas para persoas desempregadas. Os interesados en participar poden contactar co Centro municipal de Emprego a través do correo electrónico emprego@ferrol.es, no teléfono 981 944 000 (extensións 693-688) ou no 981 94 41 95.
O Programa Integrado de Emprego do Concello de Ferrol desenvolverase ata o
mes de novembro de 2023. Para participar é necesario estar en situación de desemprego,
inscrito como tal no servizo público de emprego de Galicia.
Co obxectivo da inserción laboral das persoas participantes realizaranse, entre
outras accións: información, orientación e asesoramento; formación; técnicas de
coaching, intelixencia emocional, e técnicas de motivación para a busca de emprego,
tanto por conta propia como allea; habilidades sociolaborais e obradoiros de entrevista;
fomento da capacidade emprendedora; prospección empresarial; emparellamento de
ofertas de traballo coas persoas demandantes de emprego participantes; prácticas
profesionais non laborais en empresas; e obradoiros sobre mobilidade laboral.
Está contemplada a realización de sete itinerarios formativos: xestión loxística e de
almacén; dependente de establecementos comerciais, técnicas de limpeza; auxiliar de
reposición e caixa; comercialización e venda de produtos da pesca; actividades básicas
de hostalaría; e actividades de apoio á industria e á construción.
O obxectivo de inserción laboral previsto das persoas que participen no programa
é dun 41%. O plan establece o pagamento de 7 euros por día de asistencia ás accións do
programa. Os interesados poden atopar máis información en
http://www.ferrol.es/emprego/ampliar.aspx?id=663.