Novas

venres, 02 de decembro de 2022

Ferrol acende un alumeado de Nadal composto por máis dun millón de leds de baixo consumo

Dúas alumnas do colexio de Pazos dirixiron a conta atrás e pulsaron o interruptor xunto ao alcalde, Ángel Mato


Ferrol acende un alumeado de Nadal composto por máis dun millón de leds de baixo consumo

O Concello de Ferrol prendeu hoxe pasadas as seis da tarde o alumeado de Nadal. A tradicional cerimonia de acendido estivo presidida polo alcalde Ángel Mato, ao que acompañaron dúas alumnas do CEIP de Pazos. Rocío Romero, de 6 anos, e Celine Somaza, de 11, fixeron a través da megafonía a conta atrás para pulsar o interruptor e prender as luces da carpa e da árbore xigante. Rocío e Celine foron elixidas polo departamento de Educación do Concello e os colexios para representar a toda a infancia ferrolá. 


O acendido da árbore de 20 metros de altura deu paso a un espectáculo de luz e música ao que seguiu un concerto do coro Diapasón con panxoliñas e outros temas relacionados co Nadal. A partir dese momento foron iluminándose paulatinamente os máis de 270 arcos instalando polas rúas da cidade e os preto de 1.000 elementos decorativos que os complementan en árbores e farois. Este ano, na praza de Amboage colocáronse unha nova grilanda a modo de choiva, un libro de 4 metros de alto e outras dúas rechamantes figuras. Na da Constitución atópanse o belén municipal e dous elementos para selfies: un gran Papá Noel e un boneco de neve. A eles unirase nos vindeiros días unha sorpresa. 

A árbore de Armas é transitable. Ata o final das festas ofrecerá un breve espectáculo de luces e música tres veces ao día, os tres diferentes entre si. As sesións serán ás 18.30, ás 20.00 e ás 21.30 horas. 

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar