Novas

xoves, 24 de novembro de 2022

O Concello celebrará mañá o 25-N cunha plantación de roseiras fronte a estatua de Concepción Arenal

Terá lugar na avenida de Esteiro, ás 12 horas, e forma parte dos actos polo Día Internacional contra a Violencia de Xénero. Doce establecementos hostaleiros acollerán as tardes de mañá venres e o sábado actuacións de microteatros


 O Concello de Ferrol está a celebrar unha serie de actividades con motivo do 25-N, Día Internacional contra a Violencia de Xénero. Neste marco, mañá terá lugar o tradicional acto cunha plantación de roseiras en homenaxe ás mulleres asasinadas vítimas da violencia machista e a lectura da declaración institucional do 25-N. Será ás 12 horas na avenida de Esteiro, fronte á estatua de Concepción Arenal. 


Outra das citas no marco deste día é o relatorio ‘Lei de Garantía Integral da Liberdade Sexual’ a cargo da xuíza Ana López-Suevos Fraguela, que terá lugar o próximo día 3 de decembro, ás 12 horas, no patio do centro municipal Torrente Ballester. Inicialmente estaba prevista no Antigo Hospicio.

Microteatros en locais de hostalería 
Para os días 25 e 26 o programa inclúe 12 sesións de microteatro en establecementos hostaleiros da cidade. O venres será ás 19.45h no bar Avenida; ás 20.45 en Artesa; 22 no local Canido; 22.45 Oasis; 23.15h Beirut e 23.45 en Pub Morrison. A tarde do sábado as sesións comezarán ás 19.45 en Imos Aló; 20.45 en Boss; 22 en Bodega Estrella; 22.45 Josefas Bar; 23.15 en Maltés e 23.45 en Cuerda Floja. Pola súa banda, os días 25, 26 e 27 habilitaranse tres espazos de información na rúa: o 25 na Praza de España (9.30h-15h); o 26 (9.30h-14.30h ); e o 27, no Cantón (10h- 14.30h) 

Carreira e andaina contra a violencia de xénero 
Para o 27 de novembro está prevista a celebración da III carreira contra a violencia de xénero, de 5 quilómetros, que sairá desde o Cantón ás 11.00 horas. As persoas interesadas poden inscribirse de balde en Carreiras Galegas, no enlace https://bit.ly/3AKoe9V, ata hoxe xoves, ás 23:59 horas. Tamén se poderá facer a pé. 

O percorrido, que discorrerá polo barrio da Magdalena, pode consultarse en https://bit.ly/3tzTaFN. Tamén o día 27 o Racing de Ferrol sairá ao campo coa pancarta do 25-N, co lema ‘Somos tribu’ e o 28, no Auditorio municipal, terá lugar ás 11.30 horas a representación da obra ‘Feminíssimas’, para centros educativos. Os días 29 e 30 de novembro e 1 de decembro, tamén nos centros, ofreceranse píldoras informativas e Para o día 3 proponse outro obradoiro de defensa persoal, neste caso intensivo, de 10 a 14 horas e de 16 a 20 horas. As persoas interesadas poden inscribirse de balde na web www.ferrol.gal/defensapersoal ata o 30 de novembro. O programa remata este mesmo día na Malata, cando o equipo de fútbol-sala O Parrulo luza a pancarta do 25-N. Pode consultarse todo o programa de actividades en https://www.ferrol.gal/Shared/Contidos/93.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar