Novas

martes, 15 de novembro de 2022

O alcalde acompañou a un grupo de escolares que visitaron o Arsenal dentro da campaña de promoción da candidatura a patrimonio mundial

Ángel Mato e a concelleira de Patrimonio Histórico, Eva Martínez Montero, achegáronse ao dique da Campá para saudar a rapaces e rapazas que participaron na visita guiada. O prazo para presentar vídeos ao concurso de TikTok, no que poden participar estudantes de terceiro e cuarto de ensinanza secundaria, amplíase ata o vindeiro 1 de decembro


O alcalde acompañou a un grupo de escolares que visitaron o Arsenal dentro da campaña de promoción da candidatura a patrimonio mundial

FERROL, 15 DE NOVEMBRO. O alcalde, Ángel Mato, e a concelleira de Patrimonio Histórico, Eva Martínez Montero, compartiron onte con alumnado do IES Canido parte de a visita que rapazas e rapaces fixeron a diversos espazos que forman parte da candidatura de Ferrol a patrimonio mundial. En concreto, o rexedor e a edil achegáronse ao dique da campá para saudar aos estudantes que acababan de iniciar o seu percorrido polo Arsenal e compartir con eles e cos seus profesores uns breves momentos.

Nestas visitas,que forman parte dun programa de actividades para promover e dar a coñecer a candidatura, participan sete centros educativos da cidade. Comezaron o pasado xoves e continuarán ao longo deste mes.

O Concello de Ferrol ten en marcha unha serie de iniciativas divulgativas, creativas e didácticas para implicar á poboación máis nova da cidade na candidatura. O obxectivo é promover a proposta ferrolá a través dos centros educativos interesados no proxecto, tanto públicos como concertados, mediante catro propostas: charlas sobre a candidatura, as anteditas visitas guiadas a boa parte dos bens que a integran e dous concursos creativos, un de debuxo e outro de vídeos de TikTok, para que sexan os propios escolares os que mostren a súa percepción da cidade. 

Nas visitas participan 340 alumnos de terceiro e cuarto de secundaria de. Pola súa banda, as charlas divulgativas sobre a candidatura, que se desenvolverán nos propios centros inscritos na iniciativa, celebraranse na segunda quincena deste mes. Esta actividade vai dirixida ao alumnado de quinto e sexto de primaria e participarán preto de 270 estudantes. O prazo para que se inscriban os centros continúa aberto e poden enviar a súa solicitude ao correo escolas@ferrolpatrimoniomundial.gal 

Ademais das visitas guiadas e as charlas divulgativas, o programa deseñado polo Concello para divulgar a candidatura de Ferrol a Patrimonio Mundial inclúe que os escolares participen a través da súa creatividade. Convocáronse dous concursos, un de debuxo de postais, para nenos de cuarto, quinto e sexto de primaria, e outro de vídeos de TikTok para os de terceiro e cuarto de secundaria. No primeiro caso, os alumnos poderán entregar os seus traballos ata o 25 de novembro e o gañador da cada categoría (unha por curso) obterá un libro electrónico. Todas as postais participantes formarán parte dun libro dixital.

Pola súa banda, o concurso de TikTok estará aberto ata o 1 de decembro, logo dunha ampliación do prazo para facilitar a participación do alumnado que vai tomar parte nas visitas. O día 5 publicarase unha selección final de vídeos, entre os que resultará vencedor o que o día 10 ás 15.00 horas acadara máis likes. O premio será unha tablet. Para participar neste concurso non é necesario que se inscriba o centro educativo, senón que poden facelo mozas e mozos a título individual.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar