Novas

mércores, 21 de setembro de 2022

O Concello, a Armada e a Xunta acordan crear un grupo de traballo para impulsar conxuntamente a candidatura a patrimonio mundial

A concellería de Patrimonio Histórico convocará proximamente a primeira reunión, na que participarán representantes das tres Administracións e técnicos. O alcalde, Ángel Mato, destacou a importancia de que, en lugar de traballar de xeito independente, todas as partes van abordar en común todos os aspectos do expediente


O Concello, a Armada e a Xunta acordan crear un grupo de traballo para impulsar conxuntamente a candidatura a patrimonio mundial

Concello, Armada e Xunta de Galicia veñen de acordar a creación dun grupo de traballo para impulsar a candidatura de Ferrol a patrimonio mundial. Esta mañá reuníronse en Exponav o alcalde, Ángel Mato; o almirante xefe do Arsenal, Ignacio Frutos; o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez; a concelleira de Patrimonio Histórico, Eva Martínez Montero; a delegada territorial da Xunta, Martina Aneiros, e a directora xeral de Patrimonio, María del Carmen Martínez. O encontro, celebrado a instancias da Administración municipal, serviu para trazar a folla de ruta de “Cidade de Ferrol, Porto da Ilustración” coa implicación conxunta das tres Administracións. 


Segundo explicou o alcalde na comparecencia posterior, o seguinte paso será convocar dende a concellería de Patrimonio Histórico aos técnicos e representantes que designen Concello, Armada e Xunta para “revisar en común a documentación que se elaborou ata agora e despois dar o seguinte paso, que é definir o plan e o órgano de xestión”. A principal novidade é que se ata o momento “cada administración remitía ás outras o traballo que elaboraba, pero agora vaise ir da man”. 

Para o almirante xefe, hoxe puxéronse as bases para “sacar a diante esta iniciativa que será moi boa para Ferrol”. “Estamos todos de acordo”, destacou. Tamén o conselleiro incidiu nesto último. “Temos que buscar as sinerxías para chegar ao punto que todos desexamos”, dixo sobre un proceso que cualificou de “tremendamente complexo”.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar