Novas

martes, 20 de setembro de 2022

O Concello inicia a reposición do adoquín da rúa Carme

A concelleira de Obras e Servizos, Ana Lamas, visitou esta mañá os traballos, que están a comezar polo quinteiro máis próximo á Praza do Callao


O Concello inicia a reposición do adoquín da rúa Carme

O Concello de Ferrol iniciou esta mesma mañá as obras de reposición parcial do adoquín na rúa Carme, entre Sol e Callao, unha actuación á que a Administración local destina preto de 48.000 euros (con impostos). A intervención inclúe retirar o pavimento de lastras, o seu traslado para a súa recuperación e posterior aproveitamento. 


A concelleira de Obras e Servizos, Ana Lamas, acudiu a primeira hora de hoxe ao inicio dos traballos acompañada polo responsable da dirección da obra, que está a comezar polo quinteiro entre a Praza do Callao e rúa Magdalena. A totalidade da vía queda pechada ao tráfico rodado excepto para residentes e o servizo de carga e descarga, que deberán deixar a rúa por Magdalena ata a rúa Lugo. A medida que avancen os traballos se irán pechando quinteiros ao tráfico. 

Trátase dunha intervención que dará continuidade á mellora e acondicionamento do espazo público neste extremo do barrio da Magdalena que está a executar o Concello de Ferrol unha vez rematada a substitución do adoquín por formigón na Praza do Callao e na rúa Lugo. Pola súa banda, a humanización e reurbanización en marcha na rúa Pardo Baixo atópase na súa recta final. 

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar