Novas

venres, 29 de xullo de 2022

O alcalde visitou aos nenos que rematan hoxe o seu paso polo campamento urbano de Recimil

Un total de 73 pequenos participaron esta quincena na actividade de verán organizada pola concellería de Igualdade


O alcalde visitou aos nenos que rematan hoxe o seu paso polo campamento urbano de Recimil

FERROL, 29 DE XULLO. O alcalde, Ángel Mato, e a concelleira de Igualdade, Cristina Prados, visitaron esta mañá ás nenas e aos nenos que hoxe remataban a súa participación nos campamentos de verán organizados polo Concello de Ferrol. Nesta segunda quincena de xullo, foron un total de 73 pequenos os que asistiron á actividade, repartida entre os campamentos urbanos, situados nos colexios de Recimil e Ponzos, e o rural, no local veciñal de Esmelle.
Mato preguntoulle polos seus intereses á rapazada, que maioritariamente destacou as saídas pola cidade como un dos momentos máis agardados. Os campamentos inclúen unha excursión semanal a espazos como o parque Raíña Sofía ou o Museo Galego de Historia Natural. 
No programa participan pequenos de entre 3 e 13 anos empadroados en Ferrol, que acoden por quendas quincenais. O horario ordinario é de 9.30 a 13.30 horas, aínda que houbo familias que se acolleron á posibilidade de amplialo, de 8.30 a 14.30.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar