venres, 20 de maio de 2022
O Concello sensibilizou en educación viaria aos máis pequenos de Ferrol a través de xogos nun acto celebrado hoxe no Auditorio
O alcalde dirixiuse aos preto de 450 escolares de 11 colexios da cidade nun acto que formou parte das actividades deseñadas polo Concello con motivo da Semana da Seguridade Viaria. Ángel Mato anunciou que o Concello entregará aos centros escolares de Ferrol un xogo xigante da Oca baseado en Ferrol
O Concello de Ferrol continúa cos actos con motivo da Semana da Seguridade Viaria que está a celebrar desde o pasado luns. Tras o espectacular simulacro de accidente grave do pasado martes e o ‘RoadShow’ de onte para concienciar en seguridade viaria á xente moza, hoxe foi a quenda dos máis pequenos, preto de 450 alumnos de educación primaria de 11 colexios da cidade que acudiron ao Auditorio municipal á Gala Escolar da Seguridade Viaria para coñecer en profundidade as normas de circulación a través dun xogo xigante da Oca específico de Ferrol.