Novas

venres, 13 de maio de 2022

Ángel Mato destaca o “excelente escaparate turístico” que supón para Ferrol a feira de turismo ‘Expocidades’, que se celebra esta fin de semana na Praza de Armas

O alcalde inaugurou hoxe acompañado da presidenta do Eixo Atlántico o evento, que reúne unha trintena de stands turísticos de localidades galegas, portuguesas, deputacións e entidades. Desde hoxe e ata o domingo haberá actuacións de animación e numerosas degustacións de produtos típicos de cada localidade. A feira turística coincide esta fin de semana coa sétima edición da Mostra Musical, con actuacións de acceso libre os días 14 e 15 no Auditorio municipal e Conservatorio


Ángel Mato destaca o “excelente escaparate turístico” que supón para Ferrol a feira de turismo ‘Expocidades’, que se celebra esta fin de semana na Praza de Armas

O alcalde de Ferrol, Ángel Mato, inaugurou esta mañá a feira turística ‘Expocidades’, que se celebra esta fin de semana en colaboración co Eixo Atlántico na praza de Armas. O evento conta cunha trintena de stands informativos: trece corresponden a localidades galegas, 12 a portuguesas, un do Eixo Atlántico, outro específico para degustacións, un de Foro Termal, un da Deputación de Ourense, outro da de Lugo e o último da Asociación Ibérica de Municipios de Ribera del Duero. O alcalde estivo acompañado pola presidenta do Eixo Atlántico, Lara Méndez; o secretario xeral, Xoán Vázquez Mao; e membros da corporación municipal. 


Na súa intervención durante a inauguración, o alcalde destacou o “excelente escaparate turístico” que supón para Ferrol a feira de turismo ‘Expocidades’, un evento de dinamización local que “busca promover o turismo de proximidade” entre as localidades e deputacións galegas e portuguesas que forman parte do Eixo Atlántico. É, dixo, unha iniciativa “froito da permanente colaboración” entre o Concello de Ferrol e o Eixo Atlántico co fin de “contribuír á promoción turística e comercial da nosa cidade e de todos os membros da organización”.

Cidade viva as fins de semana 
O Concello pretende con eventos como este “seguir dinamizando Ferrol, especialmente as fins de semana”. Hai pouco remataba unha nova edición do Concurso Internacional de Piano do Concello de Ferrol e nesta ocasión “impulsamos a actividade na cidade desde o punto de vista turístico”. No caso de Ferrol, “queremos aproveitar este evento para promover especialmente os recursos turísticos máis importantes da cidade, como o Camiño Inglés e o Ferrol da Ilustración”. 

‘Expocidades’, Mostra Musical e surf na mesma fin de semana 
Grazas á colaboración entre o Concello e o Eixo Atlántico a feira de turismo ‘Expocidades’ vai coincidir esta fin de semana con outro gran evento, nesta ocasión no eido cultural. Entre mañá e pasado Ferrol vai celebrar a VII Mostra Musical, con concertos de entrada libre e de balde durante o sábado e domingo no Conservatorio e no Auditorio municipal. Para facilitar o traslado das persoas que desexen gozar deste evento o Concello vai poñer en marcha desde mañá mesmo o tren turístico municipal, que fará de xeito continuo viaxes entre estes centros culturais e o barrio da Magdalena.

“En definitiva”, dixo, desde o Concello de Ferrol “estamos a poñer todo o noso esforzo en programar actividade de todo tipo” na cidade. “É o noso grao de area para contribuír a reactivar o turismo e a economía local fomentando a recuperación do comercio e a hostalería tras un período tremendamente duro para estes sectores”, resaltou o alcalde. Mato animou á cidadanía a achegarse esta fin de semana tanto á Mostra Musical como a ‘Expocidades’ para coñecer a “riqueza das localidades veciñas e degustar as súas especialidades gastronómicas”. Lembrou que ambos eventos coinciden con outro, neste caso deportivo, polo que invitou tamén a quen dispoña dun pouco de tempo a achegarse a Doniños a ver a Junior Pro Ferrol de surf. “É unha magnífica oportunidade para gozar das nosas praias e do medio natural que as rodea”. Pola súa banda, a presidenta do Eixo Atlántico lembrou a aposta da entidade polo turismo de proximidade ao tempo que “poñemos en valor o noso territorio”. 

Pode consultarse todo o programa de ‘Expocidades’ na web https://www.ferrol.gal/arquivos/documentos/PROGRAMA-EXPOCIDADES.pdf.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar