venres, 13 de maio de 2022
O alcalde solicítalle á subdelegada do Goberno un incremento dos medios da Policía Nacional en Ferrol
Ángel Mato e María Rivas analizaron esta semana co concelleiro de Seguridade e os responsables do 091 e do 092 diferentes medidas para reforzar a seguridade cidadá

O alcalde, Ángel Mato, e a subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, reuníronse esta semana no Concello co fin de analizar as necesidades das forzas de seguridade en Ferrol e afondar na liña de estreita colaboración que veñen mantendo a Policía Nacional e a Local. Durante a xuntanza, na que participaron tamén o concelleiro de Seguridade, Germán Costoya, e os responsables de ambos corpos, o rexedor ferrolán trasladoulle a Rivas a necesidade de reforzar os medios cos que conta a comisaría da cidade. Mato explicou que ve preciso “darlle respaldo ao bo traballo que están a desenvolver os axentes” para que sexan quen de atender novas necesidades que se veñen detectando nos últimos tempos, “sobre todo no referido a un asunto especialmente sensible, como é a seguridade cidadá”, dixo. “Ferrol é unha cidade tranquila, e debemos pór todos os medios ao noso alcance para que o siga sendo”, afirmou o alcalde.