O Concello de Ferrol continúa coa dinamización da cidade a
través de eventos culturais. Tras o recente remate do XXXIII Concurso Internacional de
Piano de Ferrol, nesta ocasión, e en colaboración co Eixo Atlántico, o Concello vai
celebrar esta fin de semana, os días14 e 15 de maio, a VII Mostra Musical do Eixo
Atlántico, unha cita que reunirá na cidade a músicos procedentes de Galicia e o norte de
Portugal.
Trátase dun evento que busca recoñecer, promover, premiar e difundir a práctica e
afección á música entre nenos tanto en Galicia como do norte de Portugal. Este ano
participarán 39 solistas e 8 agrupacións procedentes dunha vintena de municipios entre ambos territorios. Chegarán a Ferrol estudantes de música de entre 13 e 18 anos e a cidade
estará representada por catro: dous estudantes de piano, un de tuba e outro de arpa.
O evento adoita reunir nunha fin de semana uns 300 estudantes de música dos
municipios galegos e portugueses que integran o Eixo Atlántico, ademais de
acompañantes. Os concertos terán lugar no Auditorio municipal e no Conservatorio de
Música Xan Viaño, ambos centros no barrio de Caranza.
O acceso será de balde e sen necesidade de retirar entrada. As persoas interesadas
en acudir ás actuacións poderán facelo o sábado no Auditorio, de 9.30 horas a 13.30 horas
e de 16 horas a 19 horas, e no Conservatorio de 9.30 horas a 13 horas e de 16 horas a 19
horas aproximadamente. O domingo, a partir das 9.30 horas, as actuacións da final terán
lugar no Auditorio e o acto de clausura comezará ás 16.40 horas, no mesmo
emprazamento.
Tren turístico de balde entre o Auditorio municipal e o centro da cidade
Co fin de facilitar o traslado ata os centros nos que se va a desenvolver a Mostra Musical
e promover que a cidadanía goce da cidade, o Concello de Ferrol vai poñer en marcha o
tren turístico municipal durante a fin de semana. Percorrerá de balde o tramo entre a Praza
de Galicia e o Auditorio. Partirá desde a Praza de Galicia nos seguintes horarios para
ambos días: 9:00, 9:30, 10:00, 10:30, 13:00, 13:30, 14:00, 16:00, 16:30, 17:00 e 17:30
horas. Pola súa banda, sairá desde o Auditorio municipal tanto o sábado como o domingo
ás 9:15, 9:45, 10:15, 10:45, 13:15, 13:45, 14:15, 16:15, 16:45, 17:15, 19:00, 19:30 e 20:00
horas.
Stand no que reservar establecemento para comer ou cenar
O goberno local quere aproveitar este encontro cultural para atraer visitantes á cidade e
promover a actividade en todos os ámbitos posibles, neste caso especialmente no eido
cultural. A concelleira de Promoción Económica e Turismo, María Teresa Deus, anunciou
esta mañá que co fin de activar tamén o sector da hostalería e comercio o Concello vai instalar un stand informativo no Auditorio municipal no que persoal especializado da
Asociación de Empresarios de Hostalería xestionará reservas para comer o cenar nos
distintos establecementos hostaleiros da cidade. “Queremos dar as máximas facilidades
posibles ás persoas que nos visiten esta fin de semana para que gocen e coñezan a cidade”.
“Entre o tren turístico gratuíto para os desprazamentos e o apoio á hora de elixir e reservar
unha mesa estamos seguros que esta fin de semana vai ser un éxito desde o punto de vista
turístico”, apuntou a edil.