O alcalde de Ferrol, Ángel Mato, presentou esta mañá a
segunda edición do Congreso ‘Ferrol, destino Patrimonio Mundial’, un evento que terá
lugar no Teatro Jofre o próximo xoves, 19 de maio, a partir das 10.30 horas. As persoas
interesadas poderán acudir de balde e sen necesidade de retirar entrada. Ademais poderá
seguirse vía streaming.
O alcalde, que estivo acompañado pola concelleira de Patrimonio Histórico, Eva
Martínez Montero, apuntou que o Concello “dalle continuidade así a unha cita
fundamental” para a candidatura ‘Ferrol, Porto da Ilustración’ a Patrimonio Mundial,
“non só polo que supón reunir na cidade a expertos e especialistas en Patrimonio
Histórico que afondarán na nosa proposta, senón porque este Congreso enriquece o
expediente mesmo da candidatura ao formar parte do seu Plan de Xestión, do labor que
nos corresponde na divulgación do noso patrimonio”.
O rexedor insistiu en que lograr o recoñecemento da Unesco é unha das liñas de
traballo “máis ambiciosas deste goberno no que se refire ao Patrimonio” e lembrou que o goberno local avanzou moito neste tempo. “Lanzamos unha nova marca, tamén unha
nova web con toda a información da candidatura, puxemos en marcha importantes
accións de divulgación na rúa, reunimos xa preto de 5.000 adhesións e desenvolvemos
importantes obras de recuperación no castelo de San Felipe, un dos bens mais
emblemáticos da candidatura”.
Avances na divulgación
Mato expresou a súa satisfacción polos éxitos en canto á divulgación da candidatura.
Sen dúbida, dixo, “un dos avances máis importantes é o labor desenvolvido desde o
Concello para dar a coñecer a nosa proposta”. Hai un ano “presentábamos a primeira
edición deste Congreso nun momento no que había bastante descoñecemento sobre a
candidatura. É moi satisfactorio poder dicir que o panorama é agora moi diferente”,
apuntou.
No Congreso intervirá Laura de Miguel, xefa do servizo de Patrimonio Mundial
do Ministerio de Cultura e Deporte; José Antonio Martínez López, doutor en Historia na
Universidade Católica de Murcia; Celia Martínez, doutora en Historia do Arte na
Universidade de Granada; Carmen Perales, documentalista da candidatura de Ferrol a
Patrimonio Mundial; Iñaki Mendizábal, da Oficina de Rehabilitación do Concello de
Ferrol; María del Carmen Martínez, directora xeral de Patrimonio; e a concelleira de
Patrimonio Histórico. Ademais participarán Juan Anca, que dará conta da nova web da
candidatura; Cristina Saavedra, que abordará a nova marca; e o arquitecto Ramón
Montero, que falará sobre as actuacións de rehabilitación acometidas no castelo de San
Felipe.
Pola súa banda, Martínez Montero indicou que o lema do Congreso, ‘Ferrol,
Destino Patrimonio mundial, representa a idea que “queremos poñer en valor da nosa
candidatura” e “que pode traer a Ferrol moitas alegrías, tanto no eido cultural como
mesmo no económico”. Lembrou que o programa da cita é “moi completo e de alto
nivel, con presencia de representantes destacados”, e invitou á cidadanía a participar.