O Concello de Ferrol vai celebrar entre o 16 e 22 de maio a I
Semana da Seguridade Viaria de Ferrol cun nutrido programa de actividades. Unha
delas e de maior impacto será a Carreira Solidaria pola Seguridade Viaria de Ferrol, que
terá lugar o sábado 21, entre as 18 e as 21 horas. O diñeiro que se reúna a través das
inscricións —5 euros para adultos, nenos de balde— destinarase integramente ás ong
Stop Accidentes e Aesleme (Asociación para educar en seguridade viaria e evitar
lesións por mobilidade en España).
O prazo de inscrición xa está aberto na web de Carreiras Galegas, no enlace
https://bit.ly/3N5FUQN, onde pódese consultar o regulamento da marcha
https://bit.ly/3yuA0Vu. O percorrido para adultos será de 5 quilómetros e para nenos
segundo a idade. Partirá e rematará desde a Praza de Armas e entre os tres primeiros
clasificados, tanto na categoría feminino como masculino, sortearase un paquete de
experiencias que inclúe unha noite de hotel en Ferrol para dúas persoas en réxime de
aloxamento e almorzo, menú degustación nun restaurante da cidade elixido polo
gañador, un lote de exquisitos produtos locais e entradas a museos. No caso dos nenos,
todos recibirán unha medalla. O edil de Seguridade e Tráfico, Germán Costoya, animou
á poboación a participar na carreira, que se poderá desenvolver tanto camiñando como
correndo, e indicou que estará coordinada pola Delegación en Ferrol da Federación
Galega de Atletismo. O obxectivo, dixo, é concienciar a través desta carreira solidaria
“das nefastas consecuencias que ten un accidente de tráfico”. Todos os participantes
obterán tamén unha camiseta.