Novas

mércores, 11 de maio de 2022

Ángel Mato, sobre a firma do contrato para a remodelación da avenida das Pías: “O Goberno está cumprindo os prazos”

O alcalde confía en que, unha vez asinado o documento, a UTE adxudicataria poderá comezar as obras en breve


Ángel Mato, sobre a firma do contrato para a remodelación da avenida das Pías: “O Goberno está cumprindo os prazos”

O alcalde, Ángel Mato, mostrou hoxe a súa satisfacción pola marcha dos trámites para iniciar a remodelación da avenida das Pías (FE-14), logo de que o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (Mitma) anunciase a firma do contrato coa unión temporal de empresas que vai acometer os traballos no tramo comprendido entre os puntos quilométricos 0,600 e 1,100. “Isto supón que o Goberno está a cumprir escrupulosamente os prazos que tiñamos marcados para o inicio desta actuación tan importante”, dixo o rexedor ferrolán en Doniños, adonde acudiu esta mañá a presentar a Junior Pro Ferrol de surf. 


“Despois desta sinatura, en breve poderán dar comezo as obras”, afirmou sobre o que considera “un compromiso cumprido por parte do Goberno de España”. Para Mato, a transformación da avenida das Pías nun bulevar suporá “un impulso definitivo a ese modelo de cidade ao que aspiramos, unha cidade para as persoas e con máis espazos públicos destinados a elas”. E nesta actuación en concreto, a primeira das dúas que se van poñer en marcha na que foi durante moitos anos a principal vía de entrada á cidade, asegurou que vai servir tamén para “suturar barrios” e achegar á poboación de Caranza á de San Xoán-Bertón. 

A transformación da FE-14 é o primeiro proxecto que o Goberno vai poñer en marcha dentro da axenda urbana que o Mitma financia a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia ao abeiro dos fondos europeos Next Generation. Foi o entón secretario xeral de Infraestruturas do Estado, Sergio Vázquez, quen o anunciou durante a visita que fixo a Ferrol hai menos dun ano na compaña do delegado do Goberno en Galicia, José Miñones. 

Mato lembrou entón que ese “gran proxecto para a cidade” foi un dos compromisos incluídos no programa co que se presentou ás eleccións municipais, e explicou que nos meses anteriores víñase traballando intensamente para levalo a cabo, dado o seu encaixe na Axenda Urbana Española.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar