O Concello de Ferrol continúa co labor de concienciar á
poboación sobre a necesidade de cumprir coas normas de seguridade viaria coa
celebración a próxima semana —entre os días 16 e 22 de maio e coincidindo coa
celebración da 7ª Semana Mundial da Seguridade Viaria— da I Semana da Seguridade
Viaria de Ferrol, unha cita que pretende concienciar a nenos, precondutores e adultos da gravidade da sinistralidade na estrada e minorar as súas consecuencias para a saúde
pública. Para elo, o Concello deseñou un nutrido programa de actividades que esta mañá
presentou o concelleiro de Seguridade e Tráfico, Germán Costoya. Inclúe entre outras
actividades o simulacro dun accidente grave na avenida de Esteiro, charlas de educación
viaria, sacar a Escola municipal de Mobilidade aos barrios da Magdalena, San Xoán,
Inferniño e Caranza, unha Gala de Escolar da Seguridade na que participarán arredor de
450 escolares dunha decea de centros da cidade, unha marcha ciclista e unha carreira
solidaria pola seguridade viaria en Ferrol.
Catro horas de formación viaria con xogos nos barrios da cidade
A Escola de Mobilidade do Concello de Ferrol, habitualmente localizada nas
instalacións de FIMO, sairá á rúa durante a I Semana da Seguridade Viaria de Ferrol co
fin de achegarse á poboación infantil da cidade, que poderá coñecer a través de xogos as
sinais e normas de tráfico máis importantes. O luns, 16 de maio, a Escola instalarase de
16 a 20 horas no barrio de Caranza, no aparcamento posterior ao centro cívico. O
mércores 18, de 16 a 20 horas, estará no barrio do Ensanche, na praza do Inferniño; o
xoves 19, de 16 a 20 horas, instalarse no barrio de San Xoán (na rúa Colombia,
perpendicular a estrada de Castela) e o venres 20, tamén de 16 a 20 horas, instalarase no
Cantón, no barrio da Magdalena. O edil explicou que o Concello habilitará en ditos
espazos circuítos para que os nenos podan conducir pequenos vehículos e coñecer as
sinais de tráfico.
Simulacro de accidente grave cun autobús con pasaxeiros
No labor de dar visibilidade ás consecuencias reais dun accidente de tráfico e de mostrar
o traballo coordinado entre todos os axentes implicados na atención dun sinistro deste
tipo, o Concello ten programado para o martes 17, de 11 a 13 horas, o simulacro dun
accidente grave que terá lugar na Avenida de Esteiro, no tramo entre a glorieta de
González-Llanos e a rúa Españoleto, que quedará cortado ao tráfico rodado en ambos
sentidos. No sinistro estará involucrado un autobús con pasaxeiros, polo que haberá
feridos múltiples.
O concelleiro anunciou ademais que en paralelo se explicará o desenvolvemento
do despregue sanitario e de seguridade a través da megafonía que se instalará ao longo
do tramo da avenida.
Encontro no Auditorio con vítimas e penados por delitos de seguridade viaria
O xoves 19, de 12 a 13 horas, terá lugar no Auditorio municipal un ‘Road Show’
dirixido a precondutores ou xa mozos condutores, é dicir, estudantes de 4º da ESO,
Bacharelato e Formación Profesional de centros de Ferrol. Trátase dun evento formativo
e preventivo no que intervirán membros das forzas de seguridade (axentes de tráfico
especializados en seguridade viaria), sanitarios, bombeiros, vítimas, familiares e persoas
penadas por cometer delitos contra a seguridade viaria.
O que pretende o Concello é que a xente nova de Ferrol coñezan de primeira man
“a dura experiencia que supón un sinistro desde todas as vertentes así como as
consecuencias reais das imprudencias”, apuntou o concelleiro. O obxectivo é “previr os
sinistros de tráfico, especialmente de cara ao verán, para o que é preciso concienciarlles
sobre os perigos reais da condución baixo condutas de risco, como o consumo de alcol e
drogas”, explicou. Desde o Concello “seguimos incidindo na idea de alcol e drogas
cero”.
O Concello entrega un xogo da Oca xigante sobre tráfico a todos os centros
O Concello tamén quere chegar aos máis pequenos, polo que a I Semana da Seguridade
Viaria de Ferrol inclúe unha Gala Escolar da Seguridade Viaria, que terá lugar o día 20,
de 12 a 13 horas, no Auditorio municipal. Acudirán arredor de 450 escolares de
educación primaria dunha ducia de centros escolares, os que solicitaron participar na
iniciativa. Alí poderán aprender normas de seguridade viaria a través, entre outras
cousas, dun xogo en grandes dimensións da Oca. Co fin de que a formación e
concienciación continúe nas aulas, indicou Costoya, o Concello de Ferrol vai entregar a
todos os centros educativos da cidade, tanto públicos como concertos, un exemplar
deste xogo.
Durante esta Gala, ademais, os escolares asistentes visualizarán os diferentes
vídeos que os centros participantes gravaron sobre as impresións dos nenos en canto á
importancia da seguridade viaria. Esta actividade “non supoñerá custo algún posto que o
Concello vai facilitar o servizo de autobús para trasladar aos nenos desde os seus
centros educativos”. Tamén o venres 13, ás 13 horas, o Concello ofrecerá unha charla
informativa sobre educación viaria aos alumnos do IES Concepción Arenal.
Carreira solidaria para reunir fondos para Stop Accidente e Aesleme
O concelleiro destacou a “gran relevancia e impacto” dunha das actividades da Semana,
a Carreira Solidaria pola Seguridade Viaria de Ferrol que terá lugar o sábado 21, entre
as 18 e as 21 horas. Indicou que o diñeiro que se reúna a través das inscricións —5
euros para adultos, nenos de balde— destinarase integramente ás ong Stop Accidentes e
Aesleme (Asociación para educar en seguridade viaria e evitar lesións por mobilidade
en España).
A inscrición xa está aberta na web de Carreiras Galegas, no enlace
https://bit.ly/3N5FUQN, onde pódese consultar o regulamento da marcha
https://bit.ly/3yuA0Vu. O percorrido para adultos será de 5 quilómetros e para nenos
segundo a idade. Partirá e rematará desde a Praza de Armas e entre os tres primeiros
clasificados, tanto na categoría feminino como masculino, sortearase un paquete de
experiencias que inclúe unha noite de hotel en Ferrol para dúas persoas en réxime de
aloxamento e almorzo, menú degustación nun restaurante da cidade elixido polo
gañador, un lote de exquisitos produtos locais e entradas a museos. No caso dos nenos,
todos recibirán unha medalla.
O edil animou á poboación a participar na carreira, que se poderá desenvolver
tanto camiñando como correndo, e que estará coordinada pola Delegación en Ferrol da
Federación Galega de Atletismo. O obxectivo, dixo, é concienciar a través desta carreira solidaria “das nefastas consecuencias que ten un accidente de tráfico”. Todos os
participantes obterán tamén unha camiseta.
Por último, o domingo 22 terá lugar unha nova Marcha Ciclista Popular do
Concello de Ferrol, neste caso con motivo da I Semana da Seguridade Viaria de Ferrol.
Partirá ás 11 horas da Praza de Armas e percorrerá 13,5 quilómetros. Como é habitual,
poderán participar tanto nenos como adultos e a inscrición pode facerse minutos antes
do inicio. Todos os participantes recibirán como detalle unha pulseira-brazalete
reflectora da I Semana da Seguridade Viaria de Ferrol e entre todos sortearase unha
bicicleta.