O Concello de Ferrol vén de anunciar esta mesma mañá que a
cidade vai contar co que será o I Plan de Envellecemento Saudable de Ferrol. A
concelleira de Benestar Social, Eva Martínez Montero, explicou esta mañá que o
obxectivo do goberno local é “situar ás persoas maiores como protagonistas centrais das
políticas transversais do Concello” e converter a urbe “nun lugar máis confortable e
habitable” para as persoas maiores de 60 anos, que supón o 36,6 % da poboación total
de Ferrol. “Queremos acadar unha cidade que se adapte cada vez máis a este colectivo
nun ciclo de mellora continua”, sinalou, e para elo “contaremos coa participación dos
propios maiores”.
A edil indicou que xa se está a traballar na primeira fase, o desenvolvemento
dunha diagnose e investigación cualitativa de todos os ámbitos que afectan aos veciños
de máis idade da cidade. Para elo, entre outras accións, celebraranse reunións e grupos de traballo con maiores para coñecer as súas opinións sobre os asuntos que lles afecta.
Esta análise desenvolverase segundo o Protocolo Vancouver, recomendado pola OMS
(Organización Mundial da Saúde) e xa utilizado en 33 cidades do mundo para valorar
precisamente a súa adaptación ás necesidades das persoas maiores.
Analizaranse oito áreas: o transporte; a vivenda; a participación social; o respecto
e inclusión social; a participación cidadá e emprego; a comunicación e información; os
servizos comunitarios e de saúde; e, por último, analizaranse os espazos ao aire libre e
edificios. Todas estas áreas requiren a “implicación das distintas áreas municipais e
unha importante coordinación entre elas”, indicou Martínez Montero. Con elo
“buscamos unha actuación transversal e introducir a perspectiva do envellecemento
activo e saudable na planificación global das políticas do Concello”.
Todo este proceso permitirá coñecer os aspectos xa amigables coas persoas
maiores, detectar as barreiras e dificultades actuais e expor o I Plan de Envellecemento
Saudable de Ferrol, que estará rematado nun prazo aproximado de catro meses. Este
traballo, tanto o estudo como o plan de acción, permitirá ao Concello de Ferrol solicitar
á OMS a adhesión da cidade á rede de Cidades Amigables das Persoas Maiores para
fomentar o envellecemento saudable como parte dos Obxectivos de Desenvolvemento
Sostible da Axenda 2020-2030.
Trátase dun “ambicioso proxecto”, lembrou a edil, nunha cidade “moi
envellecida”, indicou. As persoas maiores “son o obxectivo prioritario das nosas
políticas, non só no eido social senón tamén na posta en marcha de medidas
transversais”.
Deporte ao aire libre, chamadas telefónicas e estimulación cognitiva
O Concello de Ferrol está a desenvolver numerosas iniciativas cara a promover a saúde
e o benestar entre as persoas maiores. Ademais do programa ‘Ferrol Amodo’, do que
aínda quedan catro saídas —Historia do Racing (14 de maio, con prazas aínda
dispoñibles), Ferrol Vello (28 de maio), Ruta en barco pola ría (11 de xuño) e visita ao
Castelo de San Felipe (18 de xuño)—, o Concello vén de rematar un programa de
musicoterapia para maiores e outro de varias sesións de actividade física guiada nos parques biosaudables da cidade, e ambos remataron con moi boa acollida. Está aínda en
marcha ‘O Noso Camiño’, con camiñadas polo primeiro tramo do Camiño Inglés, e
‘Hoxe Falamos’, con atención e acompañamento telefónico a maiores. En pandemia
desenvolveuse o plan de estimulación cognitiva ‘De momento na casiña’, outro
específico na residencia de Caranza e un amplo programa de visitas e actividades para
maiores en colaboración coa Sociedade Galega de Historia Natural. Ademais, xunto á
Confederación Estatal de Maiores Activos (Confemac) estanse a desenvolver charlas
sobre o colectivo e a Oficina municipal de Voluntariado do Concello de Ferrol
desenvolve tarefas de acompañamento a maiores, tal e como lembrou a edil.