Novas

luns, 09 de maio de 2022

Xackal e Far Away Place actuarán no Festival MONA da Xuventude creativa o luns 16 no parque Raíña Sofía

O Concello organiza o evento con motivo do peche da programación do Movemento de Ocio Nocturno Alternativo desenvolvido dende a Casa da Xuventude


Xackal e Far Away Place actuarán no Festival MONA da Xuventude creativa o luns 16 no parque Raíña Sofía

O Concello de Ferrol celebrará a conclusión do programa MONA (Movemento de Ocio Nocturno Alternativo) cun evento que dará visibilidade aos traballos artísticos das mozas e dos mozos que fixeron durante as pasadas semanas os cursos promovidos pola concellería de Xuventude. Será o vindeiro luns, 16 de maio, no parque Raíña Sofía. 


A xornada, denominada Festival MONA da Xuventude Creativa e desenvolvida dende a Casa da Xuventude, comezará cunha presentación por parte da concelleira, Cristina Prados, ás 18.45 horas. Ás 19.00 haberá unha sesión de ioga street, á que seguirá ás 20.00 o concerto de Far Away Place. A actuación da banda ferrolá estará acompañada dos traballos realizados polos participantes nos cursos de gravación e edición de videoclips. O fin de festa correrá da man de Xackal. Ás 21.00 iniciarase a proxección audiovisual das fotografías que acompañarán o arranque do concerto. A conclusión está programada para as 23.00 horas. 

Finalista dos premios Martín Códax na categoría de música electrónica 
Xackal foi finalista dos premios Martín Códax na categoría de música electrónica. O seu primeiro epé, La muda, foi editado por Ferrol Records. Implica unha evolución dos sons galegos presentes en temas anteriores ata outros máis urbanos. 

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar