Nove empresas optarán a prestar o servizo de mantemento das
instalacións eléctricas das dependencias municipais, da iluminación pública e da rede de
semáforos da cidade. O voceiro do goberno local, Julián Reina, informou hoxe de que a
Mesa de Contratación Permanente do Concello de Ferrol abriu esta mañá as ofertas. O
contrato ten un prazo de execución de dous anos, prorrogables por outros dous máis
seguindo a fórmula 2+1+1. Conta cun orzamento base de licitación de 1.343.900,10
euros ao ano (IVE incluído), e contempla 105.000 euros (con IVE) para a realización de
investimentos.
Entre as condicións, inclúese a conservación, reparación e mantemento das
instalacións de iluminación exterior —acometidas, liñas, cadros, arquetas,
canalizacións, apoios, caixas de derivación, proteccións, luminarias, equipos e
lámpadas—, semafóricas —tamén reguladores, elementos semafóricos, grupos ópticos,
entre outros— e interiores —como canaletas, tubos, bornes, grampas, interruptores ou
tomas de corrente—. Tendo en conta o inventario de instalacións eléctricas existentes na
cidade, a empresa adxudicataria disporá, como mínimo, dun enxeñeiro, un encargado e
un administrativo, ademais de aumentarse o número mínimo de empregados, ao pasar
de 8 a 12, garantindo a cobertura das vacacións e das baixas que se produzan entre o persoal. Respecto ao anterior prego, mellóranse tamén as quendas de traballo dos
empregados.
Tamén revisións periódicas e citas puntuais
O novo contrato introducirá inspeccións periódicas, tamén durante a noite, con revisións
dos puntos de luz esgotados ou lámpadas fundidas das instalacións de iluminación
exterior, medición de parámetros lumínicos, ou, en xeral, calquera outro traballo que
requira de nocturnidade. A empresa adxudicataria tamén levará a cabo a totalidade dos
traballos de montaxe e desmontaxe dos motivos de Nadal pertencentes ao Concello e
tamén dos elementos eléctricos precisos para a organización de citas como as Festas de
Ferrol, a Feira Medieval ou as Pepitas, entre outras. Tamén se asistirá á organización da
Semana Santa. Do mesmo xeito inclúense os traballos de montaxe e desmontaxe da
alimentación eléctrica e megafonía nas praias de San Xurxo, Covas, Punta Penencia e
Doniños.