Novas

luns, 09 de maio de 2022

O Concello súmase á campaña ‘Galicia Emprega’ de Clece en Ferrol coa firma dun protocolo para a busca de preto de 300 novos empregados

O alcalde, Ángel Mato, visitou esta mañá o autobús da empresa, que elixiu a cidade para iniciar o percorrido pola comunidade autonómica co fin de recabar candidatos para ocupar postos de mantemento e limpeza, axuda no fogar, psicólogos, monitores e servizos loxísticos, entre outros. En Ferrol cubríronse todas as citas para entrevistas, en total 160. Destacou “o intenso labor” que desenvolve o Concello para “avanzar na inserción laboral dos colectivos vulnerables” a través da formación que se imparte no Centro municipal de Emprego, polo que no último mes pasaron preto de 200 persoas


O Concello súmase á campaña ‘Galicia Emprega’ de Clece en Ferrol coa firma dun protocolo para a busca de preto de 300 novos empregados

O Concello de Ferrol sumouse á iniciativa ‘Ruta Galicia Emprega’ da empresa Clece pola que un autobús acondicionado con espazos para desenvolver entrevistas laborais vai percorrer seis municipios da comunidade autónoma para seleccionar persoal que cubra un total de 280 postos de traballo en Galicia para os servizos que presta a empresa—mantemento e limpeza, axuda no fogar, psicólogos, monitores e servizos loxísticos, entre outros—. O autobús comezou o percorrido esta mañá en Ferrol, e desde as 10 ata as 17 horas vanse desenvolver un total de 160 entrevistas, todas as dispoñibles. 


O alcalde de Ferrol, Ángel Mato, e o delegado de Clece en Galicia, Alberto Domínguez, formalizaron esta mañá xunto ao autobús, estacionado na Praza de España, o protocolo de colaboración entre o Concello e Clece para desenvolver a iniciativa, cuxo obxectivo no caso de Ferrol é “promover a inserción laboral especialmente entre as persoas máis vulnerables”, anunciou o rexedor. Tras a firma do protocolo o alcalde, acompañado polas concelleiras de Benestar Social e de Emprego, Eva Martínez Montero e María Teresa Deus, respectivamente, visitaron o autobús. 

Mato destacou “o intenso labor” que desenvolve o Concello para “avanzar na inserción laboral dos colectivos máis vulnerables da cidade” a través de accións como os cursos formativos que se imparten no Centro municipal de Emprego. No último mes pasaron por el preto de 200 persoas entre as distintas liñas de formación. Neste punto o alcalde sinalou que “este obxectivo é compartido con Clece”, a empresa que na actualidade presta o Servizo de Axuda no Fogar do Concello de Ferrol e que en Ferrol ten empregados a máis de 500 persoas. Pola súa banda, Domínguez agradeceu ao alcalde de Ferrol que o Concello “sexa parte activa deste proxecto” e indicou que o percorrido rematará o día 18 en Ourense.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar