“É inaudito que ante unha nova tan feliz para a cidade como é a
aparición do que, con moita probabilidade, é a muralla medieval de Ferrol, a Consellería
de Vivenda opte por usala para atacar ao goberno local”. Así se manifestaba esta mañá a
concelleira de Patrimonio Histórico, Eva Martínez Montero, ante “o enfado mostrado
pola Xunta de Galicia porque o Concello lle pide o obvio: que conserve unha
construción que considera de moito valor histórico”.
“A verdade é que dá que pensar. Parece que quixesen ocultar os restos. Estou
perplexa. Segundo leo na prensa, esíxennos ‘cautela e prudencia’, como se falaran dunha cuestión de seguridade nacional, cando o asunto comezaba a ser de dominio
público en todo o barrio”, afirmou a edil ferrolá para insistir en que a demanda que onte
avanzou que lle vai trasladar á Administración autonómica responde “a unha simple
cuestión de responsabilidade”. “O Concello ten coñecemento dun resto arqueolóxico e
reclama que se conserve e se poña en valor. ¿Onde está o problema?”, insistiu, para a
continuación lembrar que, “cando hai unhas semanas apareceu unha canalización do
século XVIII nas obras de Pardo Baixo, foi algo do que se informou con total
naturalidade por parte do Concello, e procurouse responder ás preguntas que nos
trasladaron, pese a que aínda estaban pendentes, por parte dos técnicos, traballos que se
están a facer estes días”.
Datar os restos do lume
Para Martínez Montero, a conservación do muro “non interfire en absoluto co proxecto
construtivo que o IGVS ten para a parcela, porque a zona do xacemento está no patio
traseiro do soar, pero, á vista desa reacción, empeza a preocuparme o que se vai facer
coas outras catas do terreo que si quedarían debaixo do edificio. Nunha delas parece ser
que se encontraron o que poderían ser sinais do incendio de 1568”. A edil referíase a
unha capa de solo de cor escura e da que aparentemente forman parte cinzas e materiais
carbonizados, posiblemente coincidente cun episodio recollido en diversas fontes
escritas. “Sería moi conveniente datala con certeza para saber se se corresponde co lume
que asolou Ferrol a finais do século XVI”, subliñou.
“Sería incrible que se optara por algo distinto á posta en valor do xacemento”
A edil de Patrimonio Histórico insistiu hoxe en que é “imprescindible” ampliar as
pequenas escavacións que se fixeron ata o momento no soar, onde o Instituto Galego da
Vivenda e Solo ten prevista a construción dun edificio no marco do plan Rexurbe. A
actuación abranguería todo o ancho do terreo cando menos na zona na que non se vai
levantar o inmoble. Trátase dunha superficie de arredor de 40 metros cadrados. O
obxectivo sería conservar os restos e poñelos en valor coa intención de que no futuro se
puidesen visitar. “Cando a Xunta di que hai que esperar antes de decidir sobre a mellor maneira de proceder, supoño que non se referirá a decidir sobre se conservar os restos
ou non. Proceda como proceda, sería incrible que optara por algo distinto á posta en
valor dun xacemento que podería incluír o primeiro fragmento da muralla medieval do
que se ten noticia”, concluíu.