Durante a primeira xornada para pedir subvencións destinadas
á recuperación de inmobles nas áreas de rexeneración e renovación urbana dos barrios
da Magdalena e Ferrol Vello, A Graña e Esteiro Vello con base no Plan Estatal de
Vivenda 2018-2021, o pasado mércores, “demostrouse, unha vez máis, que Ferrol é a
cidade galega que máis aposta pola rehabilitación”, asegurou o concelleiro de
Urbanismo, Julián Reina, logo de que o seu departamento fixera balance da apertura do
prazo de presentación de solicitudes. A demanda ascendeu a 114 intervencións, para un
total de 123 intervencións incluídas na convocatoria. A maior parte delas corresponden
á área de rexeneración e renovación urbana (ARRU) formada polos barrios da
Magdalena e Ferrol Vello.
As cifras en detalle foron as seguintes: para a ARRU formada polos dous barrios
do centro urbano achegáronse 114 peticións, que xa superaron as 85 intervencións
contempladas nas bases da convocatoria; no caso de Esteiro Vello, entraron por rexistro 4 solicitudes, de modo que quedan aínda dispoñibles 26, ata o total de 30; finalmente, as
8 previstas para A Graña seguen a disposición dos interesados. En canto ao ámbito das
intervencións, 79 refírense a rehabilitacións de vivendas e 35 a espazos comúns dos
edificios.
Aposta por todos os barrios históricos
“Pese á gran contía que conseguimos este ano, confirmouse a tendencia de que no caso
da Magdalena e Ferrol Vello a convocatoria soe esgotarse nun só día. Dende o goberno
local tiñamos moita confianza na resposta das persoas interesadas en rehabilitar, e
confirmáronse os nosos cálculos”, asegurou Reina, ao tempo que animou á veciñanza de
Esteiro Vello e A Graña a optar a unhas axudas “das que deben beneficiarse todos os
barrios históricos, e non só o centro”. O edil explicou que nestes casos “sempre costa un
pouquiño máis darlles saída, pero non por iso se vai deixar de apostar por unas zonas da
cidade que tamén necesitan este tipo de intervencións, e estou seguro de que tamén
neles acabarán esgotándose os fondos”.
Estas axudas enmárcanse no convenio asinado o pasado decembro entre o
Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, a Xunta a través do Instituto
Galego da Vivenda e Solo (IGVS) e o Concello de Ferrol, que se encarga da xestión do
programa. As contías máximas das achegas incluídas na convocatoria ascenden a
1.315.628,94 euros, dos que máis do 87,5 % achégaos a Administración central e o resto
a autonómica. Por áreas, os barrios da Magdalena e Ferrol Vello recibirán, en conxunto,
1.000.409,83 euros (875.604 do Estado e 124.805,83 da Xunta); A Graña, 72.945 euros
(61.716 do Estado e 11.229 da Xunta), e en Esteiro Vello, 242.274,11 euros (215.000 do
Estado e 27.274,11 da Xunta).
Aos máis de 1,3 millóns de euros que suman estas axudas, únense tamén, fóra da
convocatoria, a subvención destinada á rehabilitación dos pisos de propiedade
municipal en Recimil e custes derivados da xestión da rehabilitación por parte do
Concello, co que se acadarán os 1,7 millóns de euros. No caso de Recimil, ademais da
achega do Plan Estatal de Vivenda, Administración local investirá máis de 150.000
euros como propietaria dos inmobles.
Con esta convocatoria, a ARRU da Magdalena e Ferrol Vello acada a décimo
quinta fase das axudas. No caso da da Graña, trátase da décima, e no da de Esteiro
Vello, da cuarta.
Asesoramento da Oficina Municipal de Rehabilitación
Nas bases contémplase a posibilidade de que os particulares poidan solicitar unha visita
por parte dos profesionais da Oficina Municipal de Rehabilitación de Ferrol previa á
solicitude oficial das axudas, coa finalidade de obter asesoramento. Deste modo, os
técnicos poderán comprobar o estado da edificación e informar ao particular sobre as
posibilidades de mellora e rehabilitación de cada inmoble.