Novas

venres, 06 de maio de 2022

O Concello intensifica as políticas de envellecemento activo para maiores de 65 anos coa segunda camiñada guiada polo primeiro tramo do Camiño Inglés

A edil de Benestar Social, Eva Martínez Montero, anunciou que o prazo de inscrición para esta marcha do 21 de maio xa está aberto nos número de teléfono 606 669 021 e 678 942 901. Forma parte do programa municipal dirixido a maiores ‘O Noso Camiño’, unha serie de saídas a pé desde o Porto de Curuxeiras ata o polígono da Gándara onde os participantes cuñan as credenciais e gozan dun aperitivo. A edil indicou que desde o goberno local “estamos a traballar intensamente no desenvolvemento periódico de programas que inclúan actividade física, social e cultural para maiores”


O Concello intensifica as políticas de envellecemento activo para maiores de 65 anos coa segunda camiñada guiada polo primeiro tramo do Camiño Inglés

A Concello de Ferrol continúa co desenvolvemento de programas dirixidos a mellorar a calidade de vida dos veciños de maior idade ao tempo que potenciar o seu envellecemento activo e saudable. Neste caso, tal e como anunciou esta mañá a concelleira de Benestar Social, Eva Martínez Montero, o Concello prosigue co desenvolvemento do programa ‘O Noso Camiño’, un proxecto cultural e de actividade física dirixido a maiores de 65 anos de Ferrol que mestura cultura e exercicio físico. 


A edil explicou que o plan contempla tres camiñadas de oito quilómetros de lonxitude para percorrer o tramo ferrolán da primeira etapa do Camiño Inglés e “coñecer a nosa cidade con ollos peregrinos”, indicou. A primeira celebrouse “con gran éxito” no mes en febreiro, con todas as prazas esgotadas, e xa está aberto o prazo de inscrición para a segunda, que terá lugar o sábado 21 de maio tamén con 20 prazas. As persoas interesadas poden anotarse nos números de teléfono 606 669 021 e 678 942 901. 

O plan desenvólvese en colaboración con Andaravia. En cada camiñada hai dous grupos, de 10 persoas cada un, e un guía que explica os detalles do percorrido. Parten ás 9.30 horas do Porto de Curuxeiras e remata no Polígono industrial de A Gándara, onde os participantes poden cuñar as credenciais e xuntos gozar dun aperitivo. En total participarán 60 persoas entre as tres sesións, unha por trimestre. A terceira terá lugar o 17 de setembro.

Actividade física, cultural e social para manter as capacidades cognitivas
O Concello, explicou a edil, “ten entre os seus obxectivos potenciar un envellecemento saudable entre as persoas maiores do municipio, reforzando os estilos de vida que permitan gozar de saúde e benestar”. A cidade “ten un alto número de persoas de máis de 65 anos” e para o goberno local “é importante que se fagan maiores conservando na medida do posible a súa autonomía e as súas capacidades cognitivas”. Por ese motivo “estamos a traballar intensamente no desenvolvemento periódico de iniciativas que inclúan actividade física, social e cultural para este colectivo”. 

A edil lembrou a “boa acollida” que tamén está a ter o programa para maiores ‘Ferrol Amodo’. Neste caso trátase dunha serie de visitas guiadas pola cidade que pretende “acompañar e guiar aos participantes para que coñezan e gocen do noso patrimonio ao tempo que se realiza unha actividade en grupo que fomenta a súa socialización nun contorno amable, didáctico e de posta en valor da memoria da cidade”. A seguinte saída do ‘Ferrol Amodo’ está dedicada ao Racing de Ferrol, ‘Un século de paixón verde’. Jorge Deza, experto na historia do club, guiará o 14 de maio unha visita aos lugares vinculados ao club de fútbol ferrolán, con saída ás 11h desde a Casa do Patín, en Esteiro. Como nos casos anteriores, o número de prazas está limitado a 20 e as inscricións pódense realizar a través do correo ferrolamodo@gmail.com ou no número de teléfono 631 683 070, de luns a venres, de 10 a 12 horas.






Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar