Novas

venres, 06 de maio de 2022

Os Concellos de Ferrol e Narón iluminarán varios espazos emblemáticos para conmemorar o Día de Europa

Prenderán luces azuis durante as noites do 7, o 8 e o 9 de maio en puntos singulares de ambas cidades con motivo da celebración


A fachada do Teatro Jofre, a fonte do Cantón de Molins, a rúa Magdalena e a contorna da praza de Armas, en Ferrol, e as fachadas da Casa da Cultura, do edificio do antigo concello de Xuvia e a glorieta de Freixeiro, en Narón, lucirán de azul, cor da bandeira europea, durante as noites do 7, o 8 e o 9 de maio con motivo da conmemoración do Día de Europa. 


Cada 9 de maio dende 1985 celébrase o Día de Europa, como símbolo da paz, cooperación e unidade entre todos os países que conforman a Unión Europea. Esta data sinala o aniversario da histórica declaración de Schuman, pronunciada en París en 1950 polo ministro francés de Asuntos Exteriores, Robert Schuman, na que se expuxo a idea dunha nova forma de cooperación política en Europa e se propuxo a creación dunha Comunidade Europea do Carbón e do Aceiro na que os seus membros porían en común a produción destes materiais, como antesala do que hoxe é a Unión Europea. 

Esta celebración realízase no marco da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado (EDUSI) “Ría de Ferrol, Cidade 2020”, que, grazas á aportación do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), teñen en marcha os Concellos de Ferrol e Narón a través de distintos proxectos en ámbitos como as novas tecnoloxías, a mobilidade sostible, a eficiencia enerxética, o desenvolvemento social das cidades ou a conservación do patrimonio histórico, cultural e natural, e cuxa execución se estenderá ata o 2023.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar