O Concello de Ferrol, en colaboración coa asociación Affinor,
vai celebrar o Día Internacional da Fibromialxia e Fatiga Crónica, que se conmemora
cada 12 de maio, cun showcooking con degustación sobre alimentación saudable e unha
charla formativa a cargo dunha nutricionista, tal e como presentou esta mañá a
concelleira de Benestar Social, Eva Martínez Montero, acompañada pola presidenta da
entidade, Elena López.
A edil deu conta esta mañá aos grupos municipais da programación durante a
comisión de Benestar Social, Igualdade, Muller, Xuventude e Patrimonio Histórico.
Explicou que o sábado, día 7 de maio, terá lugar na cociña do mercado municipal da
Magdalena, entre as 11.30 e as 13.00 horas, un showcooking saudable dirixido tanto ás
persoas que sofren as doenzas da fibromialxia e fatiga crónica como ao público en xeral.
Elaboraranse diferentes receitas específicas para estas enfermidades e haberá un stand
informativo no que unha dietista-nutricionista estará a dispor da cidadanía para resolver
dúbidas ás persoas que se acheguen, con reparto de folletos informativos específicos.
O día 10 de maio, ás 18 horas, celebrarase no Edificio Social unha charla
informativa a cargo duna nutricionista sobre alimentación saudable en persoas con fibromilaxia e fatiga crónica, de 45 minutos de duración e outros 15 para resolver
dúbidas. As actividades estarán abertas á participación de toda a cidadanía.
Estas actividades, tal e como explicou Martínez Montero, “pretenden concienciar
á sociedade en xeral, e de forma específica ás persoas -case todas mulleres- que sofren
algunha destas doenzas, da importancia que ten levar unha alimentación saudable, na
prevención, primeiro, e no tratamento, despois, das mesmas”.
Pola súa banda, López quixo agradecer esta mañá a implicación e apoio do
Concello de Ferrol no desenvolvemento destas actividades e apuntou a “importancia” de
abordar estas doenzas desde un punto de vista “multidisciplinar”. A presidenta de
Affinor apuntou que este ano ae abordará especialmente o coñecemento da microbiota.