Novas

xoves, 05 de maio de 2022

O goberno local reclámalle á Xunta unha intervención arqueolóxica a fondo nun soar do IGVS ante a aparición da muralla medieval

Durante as catas no terreo situado nos números 22 e 24 da rúa do Castro, en Ferrol Vello, atopouse parte dunha construción que as primeiras análises sitúan como os primeiros restos das defensas da Idade Media que aparecen na cidade. Dada a importancia do descubrimento, a concelleira de Patrimonio Histórico, Eva Martínez Montero, demanda “a ampliación da pequena excavación que se realizou ata o momento, co fin de sacar á luz o máximo posible do muro”


O goberno local de Ferrol vaille trasladar formalmente á Xunta de Galicia a necesidade de realizar unha intervención arqueolóxica en profundidade na parcela situada nos números 22 e 24 da rúa do Castro, propiedade do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS). Así o avanzou esta mañá a concelleira de Patrimonio Histórico, Eva Martínez Montero, para quen é “imprescindible a ampliación da pequena escavación que se realizou ata o momento, co fin de sacar á luz o máximo posible do muro”. Este foi achado durante varias catas realizadas no soar, previas á construción dun edificio no marco do plan Rexurbe. 


 “É un descubrimento importantísimo, porque as primeiras análises apuntan a que se trata da muralla medieval da cidade, e sería a primeira vez que se atopan restos desa construción”, explicou a edil. Detallou tamén que, ata o momento, entre as varias prospeccións arqueolóxicas que se realizaron na parcela, hai dúas delas que se atopan na parte posterior, nunha zona que no futuro albergará o patio traseiro do edificio. Precisamente nesas dúas catas, de arredor de dous por dous metros de área, é onde se sitúa o muro, cun ancho duns 80 centímetros, entre outros elementos construtivos de menor antigüidade. “Nestas circunstancias —engadiu a concelleira—, parece que o máis axeitado sería escavar todo o ancho do soar cando menos na zona na que non se vai levantar o edificio de vivendas”. Trátase dunha superficie de arredor de 40 metros cadrados. O obxectivo sería conservar os restos e poñelos en valor coa intención de que no futuro fosen visitables.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar