Novas

xoves, 05 de maio de 2022

O Concello de Ferrol encargaralle a Manuel Patinha o memorial das vítimas do franquismo

A Mesa da Memoria Histórica reuniuse onte baixo a presidencia da concelleira de Patrimonio Histórico, Eva Martínez Montero, e aprobou por consenso pedirlle ao artista portugués residente na cidade que realice o monumento


O Concello de Ferrol encargaralle a Manuel Patinha a realización do memorial das vítimas do franquismo, que se vai levantar en Canido. Así o aprobou por consenso a Mesa da Memoria Histórica na súa reunión de onte baixo a presidencia da concelleira de Patrimonio Histórico, Eva Martínez Montero. Na sesión estiveron presentes representantes de todos os colectivos que a compoñen, como son a Asociación de Memoria Histórica, a Comisión Pro Memorial Vítimas do Franquismo e os catro grupos políticos con representación municipal: PSOE, PP, FeC e BNG. 


A Mesa da Memoria Histórica foi creada polo goberno local co fin de tratar toda a problemática relacionada coas vítimas do franquismo da man de entidades e expertos. Está previsto que próximamente defina con máis precisión as súas funcións a través dun regulamento para que funcione como un órgano consultivo. 

Martínez Montero expresou tras a xuntanza a súa satisfacción “por ver desatascado un asunto desta importancia, sobre todo para as vítimas e as súas familias”. “Por fin temos un acordo que inclúe os nomes das vítimas, baseado no traballo que fixeran a Comisión Pro Memorial e a Asociación da Memoria Histórica, que traballaron en estreita colaboración durante os últimos meses”, dixo. 

Tamén valorou “enormemente” o consenso de todas as partes que forman parte da mesa e destacou a calidade do artista elixido. O monumento levantarase no parque de Antón Varela e recollerá os nomes de todas as vítimas da comarca de Ferrol. 

Traballo altruísta 
A edil quixo recoñecer especialmente o altruísmo de Patinha, xa que este manifestou a súa intención de non cobrar polo seu traballo, xa que considera que quere que o monumento constitúa un legado seu á cidade de Ferrol. Deste xeito, o Concello unicamente terá que sufragar os materiais e a instalación da obra. 

Manuel Patinha (Póvoa de Santa Iria, Portugal, 1949) é un artista de recoñecido prestixio como escultor, pintor e gravador, especialmente en España e o seu país natal, pero tamén a nivel internacional, xa que ten exposto en numerosos países, tanto de Europa como de América. En Ferrol ten dúas obras en espazos públicos, a “Medusa” e “As ceibes”. 





Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar