Novas

mércores, 04 de maio de 2022

O Concello retoma as visitas escolares á Escola de Mobilidade

O concelleiro de Seguridade e Tráfico, Germán Costoya, acompañou esta mañá a unha vintena de nenos que acudiron ás instalacións de FIMO para aprender e practicar as normas de circulación


O Concello retoma as visitas escolares á Escola de Mobilidade

O Concello de Ferrol vén de retomar tras a pandemia as visitas de escolares de entre 6 e 12 anos ao parque municipal da Escola de Mobilidade, nas instalacións de FIMO. O concelleiro de Seguridade e Tráfico, Germán Costoya, acompañou esta mañá á vintena de nenos que acudiron ao recinto para aprender a circular na rúa. 


Recentemente o Concello de Ferrol adquiriu novo material para a Escola de Mobilidade, do que desde hai días gozan os escolares dos centros educativos da cidade que desexan visitar o centro. Así, entre os novos elementos atópase en gran tamaño un Tres en Raia elaborado con pezas de sinais de tráfico e o xogo da Oca, para coñecer as normas de circulación e a cidade de Ferrol. Deste modo, apuntou esta mañá Costoya, “facemos máis amena e atractiva o labor didáctico que desenvolve a Escola municipal de Mobilidade”. O obxectivo, explicou, é “seguir avanzando na seguridade e educación viaria dos nosos veciños, e consideramos que é moi importante facelo desde idades temperás”. 

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar