Novas

mércores, 04 de maio de 2022

Un total de 16 pianistas internacionais pasan hoxe á semifinal do Concurso Internacional de Piano de Ferrol, aberta ao público no Teatro Jofre ata mañá día 5

Teñen entre 17 e 39 anos de idade e proceden de Reino Unido, Rumanía, Japón, China, Arxentina, Corea del Sur, Eslovenia, Ucraína, Rusia e España. A final entre os tres finalistas terá lugar o próximo sábado, ás 20 horas, no Auditorio municipal, cando se celebre o acto de entrega de premios


Un total de 16 pianistas internacionais pasan hoxe á semifinal do Concurso Internacional de Piano de Ferrol, aberta ao público no Teatro Jofre ata mañá día 5

A 33º edición do Concurso Internacional de Piano do Concello de Ferrol logrou reunir na cidade a 53 pianistas de entre 17 e 39 anos de idade procedentes de varios países. Na tarde de onte rematou a segunda ronda eliminatoria, da que saíron un total de 16 concursantes —de Reino Unido, Rumanía, Japón, China, Arxentina, Corea del Sur, Eslovenia, Ucraína, Rusia e España— que se someterán ao longo do día de hoxe e mañá á semifinal do certame, de acceso libre e de balde no Teatro Jofre desde as 10 horas e 16 horas. A duración das rondas dependerá das pezas de cada intérprete. 


Tras rematar as probas eliminatorias, o día 6 de maio, ás 19.30 horas, terá lugar no Teatro Jofre un concerto a cargo do gañador da anterior edición do Concurso de Piano de Ferrol, o mozo Uladizislau Khandohi, e un dos membros do xurado, Piers Lane. Precio: cinco euros. 

O día 7 de maio, ás 20 horas, celebrarase no Auditorio municipal a final entre os tres finalistas, a deliberación do xurado e o acto de entrega de premios. As entradas están dispoñibles a 8 euros. Por último, o día 8 de maio, ás 20 horas, tamén no Auditorio municipal, será o concerto de clausura do Concurso Internacional de Piano do Concello de Ferrol deste ano a cargo do pianista Dimitri Alexeev, con entradas a 5 euros.

Música preto da cidadanía 
O Concello de Ferrol busca coa celebración do Concurso Internacional de Piano achegar a música á cidadanía en xeral e implicala na medida do posible. Por elo pode gozarse do certame de balde tanto ao aire libre como no Teatro Jofre, coas rondas eliminatorias. 

Na rúa, e durante todo o tempo que dura o certame, o Concello instalou nas prazas de Armas e de Amboage un piano de cola Yamaha C7 para que aficionados e músicos toquen durante uns minutos, entre as 10 e as 20 horas, e deleiten aos peóns con concertos espontáneos. As persoas interesadas en tocar poden achegarse á praza ou reservar un tramo horario enviando un correo electrónico a concurso@ferrolpianocompetition.com. O Concello sacou por primeira vez o piano á rúa xa na edición do Concurso do pasado ano, unha iniciativa que reuniu na Praza de Armas a centos de persoas para escoitar durante tres días a adultos e nenos. Este ano, e tras o éxito e boa acollida do pasado ano, amplíase o número de días, de tres a os 11 que dura o Concurso, e instalouse outro en Amboage.  


Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar