Novas

martes, 03 de maio de 2022

O Concello abrirá mañá o prazo para solicitar axudas á rehabilitación de edificios e vivendas da Magdalena, Ferrol Vello, Esteiro e A Graña

Dentro da anualidade vixente do Plan Estatal de Vivenda, a cidade ten concedidos 1,7 millóns de euros en subvencións. O Estado achega 1,4 millóns, mentres que a Administración autonómica asume 0,3 e o Concello encárgase da tramitación. A Oficina Municipal de Rehabilitación ofrece asesoramento ás persoas interesadas en optar a estes fondos que o soliciten


Mañá, 4 de maio de 2022, ás 9 horas, o Concello abrirá o prazo de presentación de solicitudes á convocatoria de axudas correspondentes á anualidade 2021 do Plan Estatal de Vivenda 2018-2021 para a rehabilitación de edificios e vivendas nas áreas de rexeneración e renovación urbana de Magdalena-Ferrol Vello, A Graña e Esteiro Vello, no marco do convenio asinado o pasado decembro entre o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, a Xunta a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) e o Concello de Ferrol. Toda a documentación relacionada coa convocatoria pódese consultar no taboleiro de anuncios do Concello e na seguinte ligazón: https://www.ferrol.gal/Shared/Contidos/76


As contías máximas das achegas incluídas nesta convocatoria ascenden a 1.315.628,94 euros, dos que máis do 87,5 % achégaos a Administración central e o resto a autonómica. Por áreas, os barrios da Magdalena e Ferrol Vello (incluídos nunha mesma ARI) recibirán 1.000.409,83 euros —875.604 do Ministerio e 124.805,83 da Xunta— para desenvolver 85 actuacións; A Graña 72.945 euros —61.716 do Ministerio e 11.229 da Xunta— para 8 rehabilitacións, e en Esteiro Vello, con 242.274,11 euros — 215.000 do Ministerio e 27.274,11 da Xunta—, poderase actuar en 30 inmobles. En total, están previstas preto de 125 rehabilitacións. Aos máis de 1,3 millóns de euros que suman estas axudas, únense tamén, fóra da convocatoria, a subvención destinada á rehabilitación dos pisos de propiedade municipal en Recimil e custes derivados da xestión da rehabilitación por parte do Concello, co que se acadarán os 1,7 millóns de euros. No caso de Recimil, ademais da achega do Plan Estatal de Vivenda, Administración local investirá máis de 150.000 euros como propietaria dos inmobles. 

Nas bases da convocatoria contémplase a posibilidade de que os particulares poidan solicitar unha visita por parte dos profesionais da Oficina Municipal de Rehabilitación de Ferrol previa á solicitude oficial das axudas, coa finalidade de obter asesoramento. Deste modo, os técnicos poderán comprobar o estado da edificación e informar ao particular sobre as posibilidades de mellora e rehabilitación dos inmobles.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar