O goberno local de Ferrol aprobou esta mañá o proxecto básico
e de execución da rehabilitación da envolvente para a mellora da eficiencia enerxética
no edificio número 14 da estrada de Castela, no barrio de Recimil, tal e como anunciou
esta mañá o voceiro do goberno local, Julián Reina, tras a celebración da Xunta de
Goberno Local de cada luns.
O tamén concelleiro de Urbanismo indicou que esta intervención significa “un
novo paso na rehabilitación de Recimil”, un barrio “no que neste mandato se executaron
obras en bloques das rúas Dez de Marzal, Narón, Betanzos e Ares, e van continuar cos
proxectos da praza de España, da rúa Somozas e este da estrada de Castela”. É unha
obra cofinanciable nun 80 % polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional
(FEDER) no marco do Programa Operativo Plurirrexional de España FEDER 2014-
2020. Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado (EDUSI) “RÍA DE FERROL, CIDADE 2020”. Conta cun prazo de execución de seis meses e un orzamento
(impostos incluídos) de 163.659,51 euros.
Actuarase nun edificio con seis vivendas e dous baixos e a obra comprende a
intervención sobre a fachada e as fiestras do edificio, posto que a cuberta xa fora
substituída con anterioridade e atópase en bo estado. Con elo búscase mellorar a
eficiencia enerxética e as condicións térmicas. Nas fachadas instalarase un sistema
integral tipo SATE, composto dun illamento exterior que replicará as molduras
existentes, e colocaranse fiestras de aluminio lacado en branco, con apertura
oscilobatente, rotura de ponte térmica e vidro de dobre cámara. A utilización de vidro de
seguridade permitirá que non sexa necesaria a instalación de reixas nas plantas baixas.
O voceiro explicou que pese a que non se vai intervir na cuberta, si se instalará
illamento térmico sobre o forxado do baixocuberta, xa que o tellado carece del.
Ademais, substituirase o canalón actual por un de maior sección e de zinc.
Reina tamén anunciou que o goberno local aprobou esta mañá o proxecto de
aglomerado do camiño do Cano, unha vía duns 400 metros de lonxitude que parte da
zona de Basanta-Cristóbal Colón e dá servizo a un grupo dunha ducia de vivendas que
se atopan ao outro lado do acceso Norte. Esta obra conta cun orzamento de execución
de 48.397, 11 euros (con ive) e ten un prazo de execución dun mes dende a firma da
acta de traza de planta.
Sobre outros asuntos de actualidade municipal, o voceiro do goberno local
comunicou que o Concello de Ferrol vén de presentar dous proxectos á convocatoria do
programa de axudas a entidades locais para a rehabilitación de edificios públicos de
titularidade local do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, o
coñecido como programa Pirep Local. O primeiro consiste na adecuación e
rehabilitación do Mercado de Recimil no marco das “diferentes actuacións que está a
desenvolver o Concello en canto á rehabilitación de vivendas no barrio”. O proxecto contempla a recuperación do mesmo, a mellora dos postos, o seu acondicionamento
térmico, a mellora da iluminación, a optimización do illamento térmico, entre outras
actuacións. O segundo céntrase na rehabilitación do actual local social da asociación de
veciños de Serantes, na avenida 19 de Febreiro, “co que pretendemos mellorar as súas
instalacións e promover máis actividades e dinamismo social”. Trátase dun proxecto
acordado coa propia asociación de veciños froito de numerosas reunións.
Novas propostas de adxudicación
En canto á sesión de hoxe da Mesa de Contratación Permanente do Concello, acordouse
propoñer para adxudicación a mellora do aglomerado da estrada Valón-Brión, unha obra
correspondente ao POS 2021. O importe é de 83.928 euros (impostos incluídos). Esta
vía, explicou o voceiro local, conta cunha lonxitude de 2.025 metros e o proxecto
contempla actuar nun total de 10.800 metros cadrados. O prazo de execución é de 13
semanas desde a firma da acta de traza de planta.
A Mesa tamén propuxo para adxudicación a rehabilitación de cubertas e fachadas
do edificio do Concello, unha actuación incluída no POS Adicional 2019. Reina
explicou que este proxecto opta por unha solución ideada polo arquitecto autor do
edificio, Nemesio López. Consiste na eliminación das actuais bufardas, xa sen o seu uso
orixinal de dar servizo as vivendas que había na parte alta do inmoble, para acadar unha
cuberta continua, neste caso de zinc, co obxectivo de rematar cos problemas de
estanqueidade que presenta a actual de fibrocemento e tella, onde medra a vexetación.
Conta cun prazo de execución de tres meses dende o inicio dos traballos e cun
orzamento de 656.190,05 (impostos incluídos).
O novo proxecto contempla o cambio de revestimento da cuberta, a demolición
das bufardas e a instalación de fiestras xiratorias, a retirada dos pináculos da torre do reloxo, a reparación puntual das semiviguetas do forxado da cuberta e o pintado das
fachadas do edificio. Previamente realizaranse as correspondentes demolicións das
placas de fibrocemento, a tella, a fábrica de ladrillo, as cubertas das bufardas, as
carpinterías de madeira, o sollado de baldosa, as cornixas e ornamentos e os lucernarios.
Posteriormente procederase á reparación estrutural do formigón onde sexa necesario,
construiranse os forxados no lugar das bufardas e colocaranse o recubrimento con
lámina de zinc con dobre engatillado, as fiestras para cubertas, o lucernario ventilado
con vidro laminar, unha azotea transitable e repoñerase baldosa hidráulica no sollado.
En canto ás fachadas, lixaranse as superficies, recebaranse e pintaranse cunha paleta de
cores en tons grises, diferenciando fondos, detalles e zócalo.
Un segundo piano na praza de Amboage e comezo da segunda ronda
O voceiro do goberno local anunciou esta mañá a colocación por parte do Concello dun
segundo piano na rúa con motivo da celebración estes días do Concurso Internacional
de Piano de Ferrol, neste caso na praza de Amboage. Ao igual que no caso do da praza
de Armas, estará dispoñible ata o día 8 de maio para que músicos e aficionados podan
tocalo. Tamén é necesario inscribirse antes e reservar un tramo horario no correo
concurso@ferrolpianocompetition.com.
En canto ás rondas eliminatorias que se están a levar a cabo no Teatro Jofre, onte
domingo rematou a primeira e hoxe pasaron á segunda 36 dos 53 participantes que
acudiron á cidade para participar no certame. A segunda ronda celebrarase entre hoxe e
mañá e a semifinal os días 4 e 5. As rondas estanse a celebrara desde as 10 horas e
desde as 16 horas e son de balde e de acceso libre, tal e como lembrou Reina.
“Queremos insistir en animar á poboación a acudir ao Jofre a escoitar a estes grandes
artistas que ata o día 8 de maio estarán na nosa cidade”.
Aberto prazo de inscrición para unha nova saída para maiores
Noutra orde de cousas, Reina anunciou que hoxe luns, 2 de maio, abriu o prazo de
inscrición para a seguinte saída do programa para persoas maiores ‘Ferrol Amodo’,
posto en marcha no mes de marzo polo Concello co fin de mellorar o benestar social e
calidade de vida do veciños de maior idade. Esta cuarta saída terá lugar o 14 de maio e
estará dedicada ao Racing de Ferrol co título ‘Un século de paixón verde’. Como nos
casos anteriores, o número de prazas está limitado a 20 e as inscricións pódense realizar
a través do correo ferrolamodo@gmail.com ou no número de teléfono 631 683 070, de
luns a venres, de 10 a 12 horas.
“Éxito” da Fashion Night
O voceiro do goberno local quixo esta mañá destacar o “éxito” da Fashion Night do
pasado venres, a primeira na cidade tras a pandemia. “Reuniu a milleiros de persoas
polas rúas do barrio da Magdalena” nun evento impulsado pola Asociación de
Comerciantes de Ferrol Centro (Acof) en colaboración co Concello de Ferrol.
A cidade acolleu multitude de actividades para todos os públicos, actuacións
musicais, de baile e tamén deportivas, indicou. Felicitou aos sectores implicados no
evento e destacou que “entre todos estamos a dinamizar a actividade económica do
comercio e hostalería co fin de intentar atraer visitantes á cidade”.