Novas

mércores, 09 de marzo de 2022

O goberno local prevé deixar listo a vindeira semana o expediente de contratación da quinta fase da mellora na accesibilidade dos pasos de peóns

O concelleiro de Urbanismo, Julián Reina, tamén explicou esta mañá en comisión informativa que o Concello xestionará unha nova aprobación do Plan Especial de Ferrol Vello e descartou unha modificación puntual do Plan Xeral para a casa de Carvalho Calero porque non serviría para acurtar os prazos e poder acometer antes a obra de rehabilitación


O concelleiro de Urbanismo, Julián Reina, deu conta esta mañá aos grupos municipais da aprobación, na Xunta de Goberno Local celebrada o luns, do Proxecto Básico e de Execución e Estudo de Seguridade e Saúde para a Mellora da Accesibilidade de Cruces de Peóns na súa quinta fase. O edil avanzou que o goberno local traballa coa previsión de poder aprobar tamén o expediente de contratación ao longo da vindeira semana co fin de iniciar en breve o proceso de licitación. 


Esta actuación ten un orzamento de 555.771,53 euros (con impostos) e contempla actuar sobre 186 pasos de peóns da cidade: 39 na zona da Gándara, 16 en San Xoán, 73 en Caranza, 10 no Ensanche A e 48 na zona da Malata e o Porto. 

A reunión da Comisión Informativa de Medio Ambiente, Urbanismo, Servizos, Obras, Seguridade e Contratación serviu tamén para que Reina explicara os pormenores da sentenza do Tribunal Supremo de 23 de febreiro pola cal se declara a nulidade de pleno dereito do acordo de aprobación definitiva do Plan Especial de Protección e Rehabilitación do Barrio de Ferrol Vello, adoitado polo pleno da corporación municipal en decembro do 2015. O edil reiterou tras a xuntanza que o Concello xa está traballando na liña de aprobar de novo o plan. Sobre a posibilidade de realizar unha modificación puntual do Plan Xeral para poder acometer a rehabilitación da casa de Carvalho Calero (principal prexuízo que causa a sentencia), descartouna por dous motivos: o principal é que a tramitación de dita modificación require prazos similares aos da nova aprobación do PEPR, e o segundo, que non ten sentido centrarse nunha simple modificación puntual cando o Plan Especial abrangue todo o barrio e xa inclúe a cualificación urbanística da casa de Carvalho Calero necesaria para poder acometer a obra. 

“O axeitado para rehabilitar a casa de Carvalho Calero e volver aprobar o Plan”
Nese senso, Julián Reina, apostou claramente por centrarse nunha nova tramitación do PEPR. “O máis axeitado para poder rehabilitar as edificacións comprendidas no proxecto da casa de Carvalho Calero é volver aprobar o Plan Especial. Traballar nunha modificación puntual suporía duplicar esforzos e non obter ningún resultado en canto a redución de prazos”, afirmou.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar