sábado, 22 de xaneiro de 2022
O Concello instalará xaulas para capturar xabaríns
A edil de Medio Ambiente, Ana Lamas, acordou coa xefa territorial da Xunta que Ferrol se fará cargo da contratación do servizo e a Administración autonómica porá a disposición axentes ambientais e elaborará os protocolos de actuación
O Concello de Ferrol fará fronte ao aumento da poboación de xabaríns nas zonas urbanas e periurbanas do termo municipal logo de chegar a un acordo coa Xunta de Galicia que fixará o marco de actuación. Segundo explicou a concelleira de Medio Ambiente, Ana Lamas, logo dunha reunión mantida en días pasados coa xefa territorial de Medio Ambiente da Xunta, Cristina Carrión, ao longo das últimas semanas ambas Administracións estiveron en permantente contacto co fin de aclarar o procedemento axeitado para atallar o problema. “A normativa para a captura de xabaríns refírese a ámbitos rurais, pero no que respecta a zonas urbanas, non está claro como se debe proceder, de modo que quixemos actuar con toda a seguridade xurídica”, explicou Lamas, que destacou o bo entendemento entre as dúas Administracións. “Hai tempo que nos preocupa moito o incremento do número de xabaríns, pero capturar estes animais require instrumentos tanto materiais como normativos dos que o Concello non dispón, e de aí que solicitáramos á Xunta protocolos de actuación adecuados”, engadiu.