O alcalde de Ferrol, Ángel Mato, e o concelleiro de
Urbanismo, Julián Reina, visitaron esta mañá acompañados por técnicos municipais e
responsables da obra os traballos que desde comezos desta semana está a executar o
Concello en Cidade Xardín, no Vinculeiro, co fin de arranxar as deficiencias na
urbanización. Tras percorrer os tramos nos que se están a desenvolver as primeiras
actuacións —entre a Avenida do Vinculeiro e a rúa Monte do Ameneiral —, o rexedor
apuntou que ‘o máis importante é que con estas obras as familias van conseguir por fin
licenza de primeira ocupación despois dunha década”. A actuación global conta cun
orzamento de 695.207,56 euros (IVE incluído) e un prazo de execución de sete meses.
Mato indicou que a intervención “vai pechar un grave problema que levan
soportando os veciños desde hai máis de dez anos” e anunciou que estas obras permitirán
que a urbanización se inclúa nos contratos municipais, como os de limpeza de zonas
verdes ou o de recollida de lixo, entre outros, “para garantir a tranquilidade das familias
que viven aquí”. O alcalde tamén lembrou os “complexos pasos administrativos que
tivemos que dar para solucionar a situación para os veciños tras a quebra da construtora”. Pola súa banda, Reina indicou que se lles trasladou aos veciños as distintas fases que
compoñen as obras, que comezaron pola zona máis alta da urbanización ata a máis baixa.
O proxecto inclúe a conexión da avenida do Vinculeiro coa estrada de Santa Icía
mediante un paso de peóns na avenida, a conexión viaria entre a urbanización Cidade
Xardín e a urbanización O Boial e tamén a continuación da beirarrúa no oeste da
urbanización, que dará continuidade ao itinerario peonil desde a avenida Buque Escola
Galatea ata a rúa Cruz de Arriba. Tamén recolle a execución da rasante da beirarrúa entre
a estrada de Santa Icía e a rotonda norte da urbanización e a colocación de salva bordos
metálicos para facilitar o acceso ás vivendas. Instalarase unha banda de baldosas
direccionais en todos os pasos de peonís no interior da urbanización e repoñeranse os
bordos e beirarrúas en mal estado. Do mesmo feito realizarase unha limpeza xeral nas
beirarrúas, eliminaranse os elementos vexetais e rozarase a maleza.
O proxecto contempla o acondicionamento das glorietas na avenida do Vinculeiro,
que incluirá a eliminación das malas herbas e a poda do arboradura, así como nova
sinalización vertical e horizontal. Tamén se desenvolverán traballos de reparación na rede
de abastecemento de auga no interior da urbanización, como a limpeza interior das
arquetas de abastecemento e a substitución das tapas. Do mesmo xeito, levaranse a cabo
todas as reparacións necesarias nas redes de saneamento e de pluviais. En canto á
rexeneración de zonas verdes, levarase a cabo a roza e limpeza do terreo, formaranse
sendas peonís, plantaranse carballos, castaños e nogueiras, instalaranse novos bancos e
papeleiras e renovarase a rede de alumeado dentro da zona verde.