Novas

xoves, 20 de xaneiro de 2022

O Concello e Asarga continúan coa divulgación da enfermidade de cancro de sarcoma cunha segunda sesión formativa

O próximo venres, 28 de xaneiro, ás 18 horas, terá lugar o seminario ‘Prevención do Sarcoma: Importancia dun CSUR. Traumatoloxía e Cirurxía Plástica’ da man da Asociación de Sarcomas de Galicia


O Concello e Asarga continúan coa divulgación da enfermidade de cancro de sarcoma cunha segunda sesión formativa

O Concello de Ferrol e Asarga (Asociación de Sarcomas de Galicia) continúan coa divulgación da enfermidade de cancro de sarcoma na cidade coa celebración dun segundo seminario formativo, que terá lugar o venres 28 de xaneiro, ás 18 horas, de xeito telemático (https://www.youtube.com/watch? v=7NFH21xHcc8) ou presencial no centro municipal de Canido. As persoas interesadas poden inscribirse en comunicacion@asarga.es


A primeira cita tivo lugar a comezos do pasado mes de novembro. Trátase dunha iniciativa que pretende informar e concienciar á poboación a través da intervención de un membro de Asarga sobre a atención ás primeiras sinais de alerta que manifesta un cáncer sarcoma. A concelleira de Benestar Social, Eva Martínez Montero, explicou esta mañá que nesta xornada abordarase a “vulnerabilidade social na que se atopan os pacientes e familiares con este tipo de diagnoses no caso de non ter acceso a un centro de referencia CSUR (hospital de referencia cun equipo multidisciplinar de expertos en sarcomas)”. 

Analizarase o papel das asociacións de pacientes, as enfermidades raras e o seu impacto social, para o que se contará coa presenza de Carmen López Rodriguez, directora da Fegerec (Federación Gallega de Enfermedades raras). Participarán tamén José Ramón Caeiro Rey, xefe de servizo de Ortopedia e Traumatoloxía; Fermín Mandía, coordinador da Unidade de Tumores da Aparatoloxía Locomotora na Clínica Universitaria de Santiago de Compostela; Iara Mantiñán, presidenta de Asarga; José Antonio González, xefe clínico da Unidade de Cirurxía Xeral e Dixestiva no Sarcoma CSUR do Hospital Sant Pau de Barcelona; Francisco Baixauli García, xefe do servizo de Cirurxía Ortopédica e Traumatoloxía do Hospital La Fe de Valencia; Doutor Isidre Gracia, xefe da Unidade de Tumores Mesénquimatos do Hospital de la Santa Creu i Sant Pau de Barcelona; e Alberto Pérez, cirurxián plástico e reparador do Comité de Tumores Musculoesqueléticos do Hospital La Fe de Valencia (CSUR). 

Aberto o prazo de inscrición para a Escola Municipal de Familias
A concelleira tamén lembrou esta mañá que o Concello de Ferrol mantén aberto o prazo de inscrición para participar nun novo módulo da Escola Municipal de Familias, unha iniciativa posta en marcha pola concellería de Benestar Social co fin de crear un espazo de debate entre as familias e profesionais na materia. Este novo bloque abordará a importancia da sexualidade na xuventude. Estará dirixido a pais e nais de alumnos de primaria e secundaria e celebrarase os días 9, 16 e 23 de febreiro, de 17 a 18.30 horas, no salón de actos do Edificio Social (rúa Sánchez Barcáiztegui, 35). O acceso es de balde e os interesados poden inscribirse ata o 4 de febreiro a través do correo afaferrol@accionfamiliar.org co nome e apelidos, número de fillos, a súa idade, un teléfono de contacto e un correo electrónico. 




Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar