mércores, 19 de xaneiro de 2022
O audiovisual “Love Ferrol” exhibe en Fitur as virtudes da cidade como destino turístico
O alcalde, Ángel Mato, avanzou durante a presentación na feira internacional que o Junior Pro Ferrol de surf se celebrará este ano en maio e se ampliará a sete días de competición tras o éxito acadado no 2021. A concelleira de Turismo, María Teresa Deus, destacou o patrimonio, o Camiño Inglés e festas como a Semana Santa, as Pepitas ou as Meninas entre os puntos fortes do “maravilloso produto turístico que posuímos”. O espazo do Concello incluíu nesta ocasión a proxección dun vídeo promocional da Semana Santa ferrolá e a intervención do presidente da Xunta Xeral de Confrarías, César Carreño, e o secretario, Fernando Iguacel

Love Ferrol. Con ese lema, título tamén do audiovisual que abriu o espazo do Concello en Fitur, participou a cidade este ano na feira internacional de turismo que comezou hoxe en Madrid. Foi unha presentación que rematou coa intervención do alcalde Ángel Mato, que anunciou as datas da Junior Pro Ferrol para este ano: a competición pasará de dous días de duración a sete, entre o 9 e o 15 de maio, tras o éxito da primeira edición. Trátase dunha proba que o Concello quere potenciar porque “reúne natureza, deporte e turismo sostible”, destacou o rexedor, para o que o surf constitúe unha das grandes potencialidades turísticas de Ferrol.