Novas

mércores, 19 de xaneiro de 2022

O goberno local propón aos grupos elevar ao pleno unha declaración institucional para reclamar á Xunta que se recuperen as liñas e horarios do transporte anteriores ao cambio de concesión

O concelleiro de Urbanismo e Infraestruturas, Mobilidade, Vivenda e Rehabilitación, Contratación, Julián Reina, trasladou esta mañá aos grupos municipais en comisión informativa o contido dos recentes encontros tanto coa plataforma en defensa do transporte como con representantes de once concellos afectados


O concelleiro de Urbanismo e Infraestruturas, Mobilidade, Vivenda e Rehabilitación e Contratación, Julián Reina, trasladou esta mañá en comisión informativa de área aos grupos municipais o contido dos recentes encontros mantidos tanto con membros da plataforma de usuarios en defensa do transporte como con representantes de once concellos de Eume, Ferrolterra máis o de Miño para abordar a problemática do transporte público de viaxeiros por estrada entre Ferrol e Coruña. 


O edil propuxo ao resto de grupos celebrar unha Xunta de Voceiros para debater elevar ao pleno municipal de finais de mes unha proposta de declaración institucional para reclamar á Xunta “que recupere de forma urxente as liñas, horarios e frecuencias que tiña ata hai un ano” o servizo. “Coincidimos”, dixo, en que “hai un problema que urxe solucionar ante o illamento que supón empeorar as conexións por estrada”, apuntou o concelleiro. “Compartimos tanto coa plataforma como co resto de concellos que o primeiro paso para solucionar o problema é recuperar ao menos os horarios e liñas anteriores á anterior concesión acordes ás necesidades dos municipios afectados”. O edil insistiu en que “o transporte por estrada debe abordarse como un servizo ao cidadán que debemos potenciar entre todas as administracións e non como un gasto a minimizar”.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar