Novas

martes, 18 de xaneiro de 2022

O Corpo de Bombeiros de Ferrol realizou o pasado ano preto de 1.680 intervencións

O concelleiro de Seguridade, Germán Costoya, explicou que 1.568 corresponden a actuacións no municipio e o resto a servizos prestados a través do Consorcio Provincial. Destacou o “gran labor” que a diario desenvolven os efectivos e insistiu en que o Concello “segue traballando por mellorar as condicións de traballos” do colectivo


O Corpo de Bombeiros de Ferrol realizou o pasado ano preto de 1.680 intervencións

O Corpo de Bombeiros de Ferrol realizou o pasado ano 2021 un total de 1.674 intervencións, das que 1.568 foron no ámbito do municipio e o resto, 106, no marco do Consorcio Provincial, tal e como explicou esta mañá o concelleiro de Seguridade e Tráfico, Germán Costoya. 


Das primeiras, 217 corresponden a incendios: 158 considerados como menores, 50 urbanos, 6 industriais e 3 forestais. En materia de tráfico, o Corpo de Bombeiros participou en 68 limpezas viarias tras accidentes e en 4 dispositivos motivados por incidentes na estrada. Ao longo do pasado ano os efectivos do Corpo de Bombeiros tamén interviron en 131 ocasións entre rescates e atencións a persoas, 133 para atender a animais, 78 para retirar árbores, en 68 inundacións, 67 aperturas de portas, 61 retiradas ou fixacións de obxectos, en 67 inspeccións, 39 actuacións de carácter preventivo, 38 intervencións por fugas de gas —ben nas instalacións fixas, gas natural o propano ou en bombonas caseiras, tanto en vivendas como en fugas na rúa—, colaboraron en 10 ocasións con outros dispositivos, activaron en dúas ocasións dispositivos de alarma e realizaron outros 22 servizos. Ademais, recibiron na central 99 falsas alarmas e 563 alertas telefónicas. 

Pola súa banda, das 106 intervencións en colaboración co Consorcio Provincial, o Corpo de Bombeiros de Ferrol participou en 13 rescates a persoas, 11 incendios en vivendas, 10 accidentes de tráfico, 7 fugas de gas ou auga, 5 incendios, 3 en colectores, outras 3 intervencións para limpar estradas tras accidentes, en 3 incendios en vehículos, 2 actividades preventivas, 2 derrubamentos, 2 incendios industriais e outros 2 forestais, nunha excarceración, unha retirada de árbores, un simulacro e realizou outros seis servizos menores. Recibiu 34 falsas alarmas. O concelleiro da área destacou o “gran labor” que a diario desenvolven os efectivos e insistiu en que o Concello de Ferrol “segue traballando por mellorar tanto as condicións de traballos” como de estancia do colectivo.

O Concello incorporou ao parque móbil unha autoescada 
O alcalde de Ferrol, Ángel Mato, acompañado polo concelleiro acudía a finais do pasado ano á recepción do novo vehículo que o Concello de Ferrol incorporaba ao parque móbil do corpo de Bombeiros, unha autoescada para o servizo de extinción de incendios cuxo importe ascende a 248.050 euros. O novo vehículo serve para tarefas de salvamento e extinción de incendios nun rango de alturas de ao menos 30 metros. A escada, montada sobre unha base xiratoria, está dotada de varios tramos despregabres mediante accionamento hidráulico. No seu extremo dispón dunha cesta desmontable apta para ata tres persoas. Segundo as condicións do contrato, a empresa adxudicataria debe formar ao persoal do servizo municipal de extinción de incendios na correcta utilización e mantemento do camión e os seus equipos durante ao menos cinco xornadas teoricoprácticas. Tamén se dotou ao corpo con novos equipos de autorescate. 

Reparacións previstas no parque de Bombeiros 
O Concello tamén vai reparar o parque de Bombeiros cunha actuación que inclúe a substitución de carpinterías exteriores do edificio principal, a substitución das ventás exteriores da planta alta e da zona da caldeira, a substitución da galería da fachada principal, a substitución das portas do garaxe, o pintado das fachadas, o arranxos interiores e pintado, a substitución de portas interiores e a reforma da cociña e do roupeiro. O orzamento roza os 307.000 euros (con impostos).  






Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar