Novas

luns, 17 de xaneiro de 2022

O goberno local reclama de novo á Xunta que reabra o consultorio de Ferrol Vello

O voceiro do goberno local, Julián Reina, apuntou que se trata dunha “demanda dos veciños que quedaron sen este servizo básico dende o inicio da pandemia”


O goberno local reclama de novo á Xunta que reabra o consultorio de Ferrol Vello

O voceiro do goberno local, Julián Reina, volveu solicitar esta mañá á Xunta de Galicia a reapertura do consultorio de Ferrol Vello. Apuntou que se trata “dunha demanda dos veciños do barrio, que quedaron sen este servizo básico dende o inicio da pandemia”. É “unha incongruencia”, apuntou, “que cando máis se necesita da atención primaria a Xunta de Galicia manteña pechados estes consultorios”. 


Reina lembrou que hai case catro meses (o 29 de setembro) o voceiro do PP de Ferrol, José Manuel Rey, anunciou a reapertura en cuestión de semanas, logo dunha reunión co conselleiro de Sanidade. Foi “a causa da presión da veciñanza, que nos días previos se mobilizou ás portas do consultorio”. A día de hoxe as instalacións seguen pechadas. O voceiro explicou que o 6 de outubro se aprobaron tres mocións neste senso no pleno do Concello de Ferrol, presentadas polos grupos municipais do PSOE, de Ferrol en Común e do BNG. Foi por unanimidade, contando co apoio dos concelleiros do PP. 

Indicou que a Xunta “atribúe agora á sexta onda da covid o feito de manter pechado o consultorio. Pero, como todos saben, esta sexta onda comezou moito despois de aquel anuncio realizado polo voceiro do PP de Ferrol. É evidente que se trata dunha simple escusa para non atender as esixencias veciñais”. Dende o goberno local, indicou, “queremos instar de novo á Xunta á reapertura do consultorio de Ferrol Vello, e a que esa reapertura se produza xa, sen máis escusas”. 

Dende o inicio da pandemia, “todas as administracións fixemos un importante esforzo”. Dende o Concello “colaborarmos en todo o que se nos solicitou”, como ceder FIMO para a vacinación, a ludoteca da praza de España para realizar probas ou a aula de Ecoloxía Urbana do Cantón para a tramitación de certificados. Tamén se colocaron carpas ante os centros de saúde nos momentos nos que se rexistraban máis colas. “Non se entende por que se demora unha medida que parece moi sinxela de aplicar se hai vontade de facelo”, proseguiu. 

Reina estimou que nos últimos tempos a Xunta de Galicia “está desatendendo a esta cidade e á súa comarca en cuestións tan importantes como a sanidade e a mobilidade”. Por exemplo, dixo, “esta mesma fin de semana os usuarios do transporte público tivéronse que concentrar unha vez máis para reclamar a recuperación das frecuencias dos buses coa Coruña”.

Avances nas Mesa de Contratación do Concello 
O voceiro tamén anunciou que na Mesa de Contratación Permanente do Concello de Ferrol celebrada esta mañá tratáronse diversas licitacións, como son a mellora do mercado municipal da Magdalena e as obras das rúas Carmen, Sol, Lugo e a praza do Callao. Ademais, esta noite remata o prazo de presentación de ofertas doutra importante obra, a reforma do pavillón municipal de Esteiro. Trátase dunha actuación que vai dar resposta, entre outros, “aos problemas de estanqueidade que presenta o edificio, construído a mediados dos anos noventa”, apuntou. Os traballos contan cun prazo de execución de catro meses e un orzamento de preto 300.000 euros, impostos incluídos. 

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar