O concelleiro de Urbanismo, Julián Reina, mantivo esta
mañá unha reunión de traballo con representantes da empresa adxudicataria das obras
para o arranxo das deficiencias da urbanización do Plan de sectorización Cidade Xardín
co fin de coordinar o inicio dos traballos, que terá lugar a próxima semana.
Durante o encontro perfiláronse os preparativos para o comezo das obras e as
primeiras actuacións. Neste senso, Reina anunciou que a primeira intervención que se
acometerá a próxima semana será a instalación dun tubo de saneamento nun dos viarios,
polo que será necesario levantar o pavimento existente e proceder á excavación. A
actuación conta cun orzamento de 695.207,56 euros (IVE incluído) e a duración prevista
da obra é de sete meses.
Trátase dunha intervención que “pechará un problema histórico que levan
soportando os nosos veciños de Cidade Xardín desde hai máis de dez anos”, indicou
Reina. O programa de necesidades inclúe a conexión da avenida do Vinculeiro coa
estrada de Santa Icía mediante un paso de peóns na avenida, a conexión viaria entre a urbanización Cidade Xardín e a urbanización O Boial e tamén a continuación da
beirarrúa no oeste da urbanización, que dará continuidade ao itinerario peonil desde a
avenida Buque Escola Galatea ata a rúa Cruz de Arriba.
O proxecto tamén recolle a execución da rasante da beirarrúa entre a estrada de
Santa Icía e a rotonda norte da urbanización e a colocación de salva bordos metálicos
para facilitar o acceso ás vivendas. Instalarase unha banda de baldosas direccionais en
todos os pasos de peonís no interior da urbanización e repoñeranse os bordos e
beirarrúas en mal estado. Do mesmo feito realizarase unha limpeza xeral nas beirarrúas,
eliminaranse os elementos vexetais e rozarase a maleza.
O proxecto contempla o acondicionamento das glorietas na avenida do Vinculeiro,
que incluirá a eliminación das malas herbas e a poda do arboradura, así como nova
sinalización vertical e horizontal. Tamén se desenvolverán traballos de reparación na
rede de abastecemento de auga no interior da urbanización, como a limpeza interior das
arquetas de abastecemento e a substitución das tapas. Do mesmo xeito, levaranse a cabo
todas as reparacións necesarias nas redes de saneamento e de pluviais. En canto á
rexeneración de zonas verdes, levarase a cabo a roza e limpeza do terreo, formaranse
sendas peonís, plantaranse carballos, castaños e nogueiras, instalaranse novos bancos e
papeleiras e renovarase a rede de alumeado dentro da zona verde.