O Concello de Ferrol vai solicitar á Xunta que restitúa ao
menos os horarios dos autobuses entre Ferrol e Coruña anteriores ao cambio de
concesión e a partir de aí “seguir avanzando na mellorar da prestación do servizo”, tal e
como indicou esta mañá o concelleiro de Urbanismo e Mobilidade, Julián Reina, tras
abordar xunto co resto de grupos municipais na comisión de área de hoxe o impacto que
está a ter nos usuarios as novas frecuencias do transporte en autobús entre ambas
cidades.
O edil explicou que o Concello tamén vai solicitar á Administración autonómica
unha análise conxunto das necesidades dos afectados polos cambios xerados tras o
cambio de concesión e que se aborde o transporte público por estrada como un “servizo
ao cidadán que debemos potenciar entre todas administracións e non como un gasto a
minimizar”.
Tras a comisión, o concelleiro responsable de Mobilidade anunciou que mañá
mesmo, xoves, ás 18 horas, participará nun encontro no Antigo Hospicio cos
representantes da plataforma de afectados polo transporte en autobús para “seguir
avanzando na busca dunha solución co fin de lograr un servizo de calidade que de
resposta ás actuais necesidades dos usuarios”.
Directos ás medias horas para traballadores e estudantes
A proposta do goberno local, insistiu, é que se “restitúan ao menos os horarios da
anterior concesión, que non xeraban problemas, e ir mellorando a prestación”. Son
moitos, dixo, “os ferroláns que viaxan a diario entre ambas cidades por motivos de
traballo o por estudios e non vaimos a deixar de reclamar un bo servizo”. Neste punto
explicou que a fórmula de establecer traxectos directos (de aproximadamente 50
minutos) entre Ferrol e Coruña ás medias horas é “unha moi boa opción que
funcionaba”.
Bando para informar sobre o prazo para presentar o IAE
Reina tamén deu conta na comisión celebrada esta mañá da emisión dun bando para
anunciar que as persoas propietarias de edificios catalogados de uso residencial de
vivenda colectiva cunha antigüidade de máis de 50 anos do municipio de Ferrol na data
de entrada en vigor (20 de maio de 2021) do Decreto 61/2021 da Xunta de Galicia do 8
de abril —polo que se regula o informe de avaliación dos edificios, se crea o Rexistro
Galego de Informes de Avaliación dos Edificios e se establece a obriga de presentar
ante o concello correspondente os informes de avaliación dos edificios (IAE)— deben
polo tanto cumprir coa súa obriga de presentar o IAE no Concello de Ferrol antes do 20
de maio deste ano.
O edil lembrou que deberán presentar o IAE todos os edificios de vivenda
colectiva de máis de 50 anos de antigüidade comprendidos dentro dos límites dos
barrios históricos —A Magdalena, Ferrol Vello, A Graña, Esteiro Vello e Recimil— e
os situados fóra deses límites que conten con algún grao de protección ben con carácter
individual ou por estar incluídos nalgún ámbito de protección do patrimonio cultural. O
incumprimento do deber de presentar o IAE en tempo e forma é unha infracción leve, estando prevista unha sanción de 300 a 6.000 euros. Nos próximos días poderase
consultar o bando na páxina web do Concello.