O Concello de Ferrol vén de abrir o prazo de inscrición
para participar nun novo módulo da Escola Municipal de Familias, unha iniciativa posta
en marcha pola concellería de Benestar Social co fin de crear un espazo de debate entre
as familias e profesionais na materia.
A concelleira da área, Eva Martínez Montero, anunciou esta mañá que este novo
bloque abordará a importancia da sexualidade na xuventude. Estará dirixido a pais e
nais de alumnos de primaria e secundaria e celebrarase os días 9, 16 e 23 de febreiro, de
17 a 18.30 horas, no salón de actos do Edificio Social (rúa Sánchez Barcáiztegui, 35).
O acceso es de balde e os interesados poden inscribirse ata o 4 de febreiro a través do
correo
afaferrol@accionfamiliar.org co nome e apelidos, número de fillos, a súa idade,
un teléfono de contacto e un correo electrónico.
O segundo bloque deste curso escolar desenvolverase en colaboración coa
asociación Acción Familiar Ferrol. Ao longo das tres sesións abordarase a importancia da sexualidade na xuventude, as prácticas, riscos e mitos neste terreo e, por último, a
afectividade e as relacións de parella máis habituais na poboación nova.
No primeiro trimestre do presente curso escolar o Concello de Ferrol celebrou un
módulo dedicado ás condutas aditivas na xuventude. Pola súa banda, no terceiro
trimestre do curso terá lugar outro dedicado á educación na diversidade. Martínez
Montero informou que desde o Concello se enviou un escrito tanto aos centros escolares
da cidade como ás anpas para que a convocatoria deste novo módulo chegue ao maior
número de familias.