O alcalde de Ferrol, Ángel Mato, presidiu esta mañá no
Teatro Jofre o tradicional acto oficial pola festividade de San Xiao e a conmemoración
da irmandade coa cidade de Lugo. Participaron tamén o voceiro do goberno local, Julián
Reina, e os dos grupos municipais do PP, FeC e BNG. A alcaldesa lucense, Lara Méndez,
acudiu acompañada polos voceiros do PSOE e PP de Lugo.
A xornada comezou coa asistencia da concelleira de Medio Ambiente, Obras e
Servizos, Ana Lamas, á misa do patrón na concatedral de San Xiao e a posterior firma no
Libro de Ouro do Concello de todos os homenaxeados. A continuación comezou a
cerimonia oficial no Teatro Jofre. Tras intercambiar ambos alcaldes agasallos de recordo da irmandade, Mato abriu o acto lembrando que a irmandade entre ambas cidades
oficializouse a o abeiro dunha reivindicación: que Ferrol e Lugo “contaran con conexións
ferroviarias modernas”. Neste senso, dixo, os galegos “dispoñemos dende agora dun tren
do século XXI, unha resposta aos compromisos adquiridos polo Goberno central”. Unha
vez acadado “para Ferrol e Lugo aumenta a urxencia do acceso á alta velocidade” posto
que os tendidos que “nos unen coas modernas liñas entraron en uso hai máis de cen años
e precisan de investimentos para a súa conversión en infraestruturas eficaces”. Trátase
dunha reivindicación que “dende o momento no que me tocou asumir o cargo de alcalde
situei entre as cuestións máis relevantes da miña axenda política”, lembrou. A súa
importancia “está no mesmo plano que a modernización do estaleiro ou a explotación da
nosa capacidade industrial e de innovación para a transición enerxética”.
O alcalde sinalou que Ferrol camiña cara un novo modelo de cidade, cun “cambio
de paradigma en canto á mobilidade, máis sostible e máis adaptada ás persoas”. Co este
propósito, dixo, “atópanos nun momento perfecto” polas obras urbanísticas que van
comezar nos próximos meses na cidade e o inicio do “programa de construción de toda
unha serie de fragatas para a Armada”. Isto, unido “ás oportunidades de negocio que se
abren a Navantia no referido a reparacións e na área de Turbinas ofrece un horizonte de
carga de traballo suficiente durante os vindeiros anos na nosa industria”. Por todo elo,
apuntou, o ano 2022 “vai supoñer un punto de inflexión para Ferrol” posto que nos
próximos meses se van poñer en marcha numerosos proxectos novos e outros que
agardaban dende hai tempo un impulso definitivo”. Ferrol “necesita unha continuidade a
nivel estratéxico por enriba dos cambios políticos”. Neste senso mencionou futuros
proxectos, como a remodelación da Avenida das Pías, o que será a primeira actuación do
plan de Transformación, Recuperación e Resiliencia no que se refire ao programa de
humanización e mellora de tramos da Rede de Estradas do Estado en contornos urbanos,
o derrubo da nave provisional do Mercado da Magdalena para convertelo nun espazo
público para o goce da cidadanía ou a reurbanización da rúa Igrexa.
Logo de case dous anos de pandemia, dixo, “comezamos este 2022 con realismo
pero tamén con confianza de que saberemos aproveitar este momento de cambio para situarnos no lugar de vangarda que nos corresponde en ámbitos como a industria e a
innovación e de que seremos quen de construír ese Ferrol máis humano”. Mato rematou
a súa primeira intervención cunha mensaxe de cara ao futuro e compartido con Lugo:
“aproveitar” as oportunidades de ambas cidades “que chaman ao optimismo”.
Pola súa banda, a alcaldesa de Lugo lembrou os orixes dos lazos de unión entre
ambas cidades e apuntou que os concellos seguirán traballando como “actores principais”
para mellorar o “territorio” e a “calidade de vida dos veciños”. O maior patrimonio das
cidades, dixo, “son os seus cidadáns e o maior patrimonio dos cidadáns é a súa saúde”,
engadiu. Neste senso indicou que a recente chegada do AVE a Galicia “non vai restar a
nosa reivindicación de mellores comunicacións” para “lograr unha zona norte conectada”.
Por último, Méndez insistiu na aposta “clara e decidida” dos concellos pola
reindustrialización a través do talento dos seus cidadáns.
Antes do inicio da entrega das distincións proxectouse un vídeo sobre o labor
desenvolvido por cada un dos homenaxeados. O alcalde repasou a traxectoria de cada un
deles, un traballo que fai de Ferrol unha cidade “moi viva” que “concentrou un enorme
talento dende o seu mesmo nacemento coa Ilustración”.
Sobre o recoñecemento ao bailarín Jaime Pablo Díaz o alcalde apuntou que chégalle
tras o “grandísimo éxito da súa obra ‘Leira’ nos premios Max” pero que detrás do
galardón que obtivo ao mellor intérprete hai unha “sólida carreira ao longo da que tamén
prestou especial atención á formación de novos bailaríns”. A compañía que dirixe, Nova
Galega de Danza, cumpre dez anos convertida “nunha referencia dentro do panorama
galego pola súa integración da danza tradicional coa contemporánea”, indicou.
Pola súa banda, as Unidades de Coidados Paliativos e de hospitalización a domicilio
da área sanitaria “poderían obter o noso recoñecemento en calquera momento de calquera
ano”, dixo. A distinción de hoxe simplemente da “un carácter oficial ao agradecemento
de toda a sociedade para uns profesionais que desenvolven o seu traballo nos momentos
máis delicados para os pacientes e as súas familias”. A ese labor “indispensable e
impagable uniuse durante moitos meses o perigo de desenvolvelo en primeira liña no medio dunha pandemia”. Estes profesionais, apuntou, “exemplifican hoxe o importante
que é dispor dun sistema público de saúde forte e con persoal tan dedicado”.
Durante 50 anos, continuou, a Sociedad Artística Ferrolana “vén desenvolvendo un
programa de actividades que se converteron en citas fixas no calendario da cidade”, como
exposicións pictóricas anuais ata a convocatoria de diversos premios literarios, sempre co
respaldo do público.
A Insignia de Ouro de Ferrol para Salustiano Gómez a título póstumo “chega tarde”
para recoñecer “unha vida dedicada á veciñanza; as máis das veces, dende o
asociacionismo, pero durante catro anos, tamén dende a corporación municipal”, dixo o
alcalde, quen lembrou que “no recordo queda ademais a súa actividade na plataforma
galega de afectados pola hepatite, dende a que, entre outras cousas, contribuíu a visibilizar
esta enfermidade”.
A quinta das insignias concédese a unha entidade “centenaria e moi activa”, cunha
historia “chea de iniciativas orientadas á cultura e ao lecer”. A Sociedade Recreativa e
Deportiva Canido é unha das “sinais de identidade dun barrio moi populoso e orgulloso
do seu dinamismo”. Por último, o premio de Ferrolán do Ano foi para o Campus
Industrial, o primeiro campus universitario de especialización de Galicia e de España.
Trátase dun “fito importantísimo no camiño de crear e asentar en Ferrol o talento sobre o
que debemos cimentar o futuro”. A todos os homenaxeados trasladou a súa gratitude por
“engrandecer Ferrol” co seu labor.
Tras recoller a distinción, o bailarín Jaime Pablo Díaz agradeceu o recoñecemento
e recoñeceu que non concibe “a vida sen danza”. A arte, dixo, “fainos mellores persoas”.
Marcelino Mosquera, de atención paliativa, agradeceu ao Concello “poñer o foco nun
ámbito da sanidade descoñecida” e sinónimo de “esperanza, dignidade e vida”. Tamén
desexou que Ferrol se converta agora “nunha cidade compasiva”. Recolleu a insignia
xunto a María del Carmen Riveira. Carmen Carballada e Montserrat Pena recolleron a
distinción á Unidade de Hospitalización a Domicilio (HADO). A primeira lembrou o “traballo en equipo” dos profesionais da unidade da Área Sanitaria de Ferrol e agradeceu
aos pacientes e familiares por “tantas leccións de vida recibidas”.
O presidente da SAF, Ricardo Díaz-Casteleiro, destacou a vontade da entidade de
seguir traballando para lograr “grandes proxectos” en favor da cultura en Ferrol e Manuel
Pita, neto de Salustiano Gómez Rodríguez, acompañado pola viúva do ferrolán, enxalzou
o traballo do seu avó e lembrou o que lle gustaba destacar: “Valón, o mellor barrio da
cidade, a zona rural de Ferrol, un paraíso no noso concello, e todo Ferrol, que ten moito
pasado, moito presente e moito futuro”. Pola súa banda, Daniel Rodríguez, presidente da
Asociación Recreativa e Deportiva Canido, presumiu dos cen anos de historia da
entidade, cen anos “facendo barrio e facendo cidade”.
Por último, a vicerreitora da Universidade da Coruña, María Jesús Movilla, e a
directora do Campus Industrial, Ana Ares, recolleron a distinción do Campus Industrial
como Ferrolán do Ano. Movilla destocou o “alto valor simbólico” do recoñecemento, que
“nos reconforta e estimula”. O campus, dixo, avanza con “optimismo e camiña con
firmeza” coa colaboración da sociedade, institucións, empresas, organizacións, a cidade
de Ferrol e a súa área metropolitana.