mércores, 05 de xaneiro de 2022
O Concello contrata a redacción de catro proxectos para renovar seis parques infantís
A concelleira de Medio Ambiente, Obras e Servizos, Ana Lamas, anunciou esta mañá que se actuará nos de Amboage, Esteiro, Praza de Cuba I e II, Doniños, Esmelle e Covas

O Concello de Ferrol vén de contratar a redacción de catro proxectos para a renovación de seis parques infantís do municipio, tanto da zona urbana como da rural, tal e como anunciou esta mañá a concelleira de Medio Ambiente, Obras e Servizos, Ana Lamas.
A edil explicou que o primeiro se refire ao parque infantil do barrio de Esteiro, o
segundo ao da praza de Amboage (barrio da Magdalena), o terceiro aos dous parques da
praza de Cuba (barrio do Ensanche A) e o cuarto fai referencia á renovación de tres
recintos infantís da zona rural: Doniños, Esmelle e Covas. A redacción dos proxectos
conta cun orzamento de 13.500 euros (sen impostos).
Máis renovacións e novos peches
Lamas explicou que a vontade do goberno local é “seguir traballando para mellorar e
modernizar os parques infantís da cidade” e lembrou que o seu departamento está a
facer un “importante esforzo” para acondicionar e “manter nas mellores condicións os
espazos de xogo para os máis pequenos”. Neste senso a edil lembrou que a comezos
deste 2022 o Concello vai executar obras para reparar os valos de peche e cercos nun
total de nove parques infantís co fin de “optimizar a estética dos peches destes espazos
ao tempo que avanzar na súa seguridade”. Tamén se renovará por completo o parque
infantil da Praza Toxos e Flores, entre os barrios de Ultramar e San Xoán, localizado
entre a estrada de Castela e as rúas Colombia, Venezuela e Nicaragua.