Novas

mércores, 24 de novembro de 2021

O novo servizo municipal para combater os vertedoiros incontrolados retirou en outubro 60.000 quilos de residuos

A concelleira de Obras, Servizos e Medio Ambiente, Ana Lamas, deu conta esta mañá na comisión de área de que xa se limpou en San Pedro de Leixa e en Pazos. Retiráronse neveiras, colchóns, un sofá de gran tamaño, unha portería, a defensa dianteira dun vehículo, unha persiana, botellas, sacos e rodas, entre outros elementos. A edil volveu apelar á concienciación da cidadanía para atallar un problema que “causa importantes afeccións tanto medioambientais como paisaxísticas no municipio”


O novo servizo de xestión de residuos procedentes de vertedoiros incontrolados posto en marcha polo Concello de Ferrol co fin de atallar un problema que causa importantes afeccións tanto medioambientais coma paisaxísticas retirou no mes de outubro un total de 60.000 quilos de residuos. Así llelo trasladou esta mañá a concelleira de Obras, Servizos e Medio Ambiente, Ana Lamas, aos grupos municipais durante a comisión dos mércores de Medio Ambiente, Urbanismo, Servizos, Obras, Seguridade e Contratación. 


A concelleira explicou que en San Pedro de Leixa, nas pistas paralelas á estrada do porto exterior, retiráronse 54.580 quilos de residuos, entre eles bolsas de plástico, botellas, rodas, unha neveira, a defensa dianteira dun vehículo, pezas de madeira, mangueiras, un sofá de gran tamaño, varios colchóns, sacos, unha persiana e unha portería, entre outros elementos. Pola súa banda, na zona de Pazos iniciouse a limpeza e xa se retiraron varios pneumáticos e unha neveira, un total de 5.420 quilos de residuos. 

Lamas deu conta do bo funcionamento do novo servizo e volveu apelar á concienciación da cidadanía para loitar contra os vertedoiros incontrolados no municipio.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar