Novas

mércores, 24 de novembro de 2021

Ángel Mato no recibimento aos voluntarios de Protección Civil de Los Llanos de Aridane: “Sodes a mellor expresión de que unha sociedade organizada pode facer máis forte a un país”

O alcalde presidiu onte no Antigo Hospicio de Ferrol o acto no que a agrupación da Palma agradeceu o material de primeira necesidade que recibiu de varios municipios galegos. O xefe da agrupación de Los Llanos de Aridane lembrou emocionado a xestión dos primeiros días tras a erupción do volcán, nos que “recibimos o material que vostedes nos enviaron con tanta solidariedade”


Ángel Mato no recibimento aos voluntarios de Protección Civil de Los Llanos de Aridane: “Sodes a mellor expresión de que unha sociedade organizada pode facer máis forte a un país”

O alcalde de Ferrol, Ángel Mato, presidiu na tarde de onte no Antigo Hospicio o acto no que a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Los Llanos de Aridane acudiu á cidade para agradecer en persoa o material de primeira necesidade recibido tanto da agrupación de voluntarios de Protección Civil de Ferrol como de outras agrupacións galegas que prestaron apoio tras a irrupción do volcán Cumbre Vieja. Acudiron ao acto membros das proteccións civís de Ferrol, Los Llanos de Aridane, Bergondo, Miño, Pontedeume, Muxía, Carballo, Boqueixón, Mugardos, Boimorto e Salceda de Caselas. 


O Concello de Ferrol reuniu a principios de outubro preto de 7.500 máscaras protectoras FFP3 que se enviaron aos voluntarios de Protección Civil da illa a través da Asociación Nacional de Agrupacións e Asociacións de Voluntarios de Protección Civil de España co obxectivo de contribuír a que desenvolveran o seu difícil traballo dun xeito máis seguro. Tamén se puxo en marcha unha campaña de emerxencia para reunir material de primeira necesidade, preto de 1.000 unidades entre sabas, mantas e toallas. Ferrol foi tamén punto de recollida de material a nivel provincial a través de Protección Civil da Coruña. Por esta vía recibíronse preto de 800 produtos de hixiene persoal que tamén se destinaron aos veciños da Palma. 

O alcalde de Ferrol, Ángel Mato, agradeceu á agrupación de voluntarios de Protección Civil dos Llanos “a súa actuación ante tan complicada situación” e “a resposta da da Ferrol e do resto de concellos”, “non houbo dúbida de que timos que poñer en marcha un plan de axuda” para “intentar reducir o sufrimento dos veciños da illa”. Mato pediu a Domingo José Hernández, xefe da agrupación de voluntarios de Los Llanos de Aridane, que trasladara aos compañeiros da Palma “a solidariedade, o cariño e o apoio” de Ferrol e do resto de Galicia e indicou que “sempre estaremos dispostos a botar unha man cando sexa necesario”. O rexedor desexou que se recuperen pronto os servizos básicos da Palma “para que siga sendo a illa bonita de sempre e un gran tractor do turismo das Illas Canarias”. A solidariedade, dixo, “é o que fai grande ás sociedades”. Os membros das agrupacións de Protección Civil “sodes a mellor expresión de que unha sociedade organizada pode facer máis forte un país”.

Pola súa banda, o xefe da agrupación de Los Llanos de Aridane lembrou emocionado a xestión dos primeiros días tras a erupción do volcán, nos que “recibimos o material que vostedes nos enviaron con tanta solidariedade”, e recoñeceu sentirse “orgulloso de estar en Ferrol acompañado da gran familia que representa a Protección Civil”.

O concelleiro de Seguridade de Ferrol, Germán Costoya, destacou “a solidariedade posta de manifesto tras a catástrofe entre agrupacións e particulares” e lembrou que desde o Concello “fixemos todo o que puidemos e o máis rápido posible”. Costoya tamén destacou que o acto de agradecemento por parte dos voluntarios da illa se celebrara na cidade de Ferrol e insistiu no “loable esforzo” que desenvolven a diario as agrupacións. Ao acto tamén acudiron Arturo Fuente, presidente da Asociación Nacional de Agrupaciones e asociacións de Voluntarios de Protección Civil; Juan Barca, presidente da Asociación Provincial de Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil da Coruña; Andreas Delgado, secretario da agrupación de Los Llanos de Aridane; e Silvia Chamorro, presidenta da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Ferrol.  

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar