Novas

martes, 23 de novembro de 2021

O Concello entregou no Teatro Jofre os premios do Concurso Infantil de Debuxo ‘Rodolfo Ucha’, no que participaron 171 obras de escolares de nove centros

O edil de Cultura e Educación, Antonio Golpe, felicitou aos participantes por “permitirnos atoparnos á obra de Rodolfo Ucha desde a bonita mirada da infancia”. A concelleira de Patrimonio Histórico, Eva Martínez Montero, dixo “sodes vós os que tedes a importante misión de coñecer, querer e ensinar aos maiores todo o que temos aquí”


O Concello entregou no Teatro Jofre os premios do Concurso Infantil de Debuxo ‘Rodolfo Ucha’, no que participaron 171 obras de escolares de nove centros

O Concello de Ferrol celebrou esta mañá no Teatro Jofre o acto de entrega do Concurso Infantil de Debuxo ‘Rodolfo Ucha’, unha iniciativa impulsada pola Administración local co fin de promover e poñer en valor a obra do arquitecto ferrolá coincidindo co 40 aniversario do seu falecemento en Ferrol e do 140 do seu nacemento en Vigo o próximo ano, en 2022. Este mes, ademáis, celébrase o Día do Neno e da Nena (20 de novembro) e o Día das Cidades Educadoras (30 de novembro). 


Participaron un total de 171 debuxos de alumnos de sexto de primaria de nove centros escolares da cidade: San Xoán de Filgueira, Isaac Peral, Santa Juana de Lestonnac, Recimil, Jesús Maestro, colexio Belen, Tirso de Molina, Cristo Rey e Valle Inclán. Os cinco primeiros premios foron para Antonio Prieto (Jesús Maestro), Carlota Fiona Alcalde (Tirso de Molina), Sabela Vigo (San Xoán de Filgueira), Marta Becerra (Isaac Peral) e Covadonga Rodríguez (Jesús Maestro). Todos eles recibiron ademáis dun diploma, un lote de cinco libros e un estoxo con material escolar. Os autores dos 25 primeiros debuxos recibiron tamén o diploma e os 171 traballos expuxéronse no primeiro andar do Teatro Jofre, obra de Ucha. Ademais, a clase do participante gañador do primeiro premio foi agasallada cunha visita guiada pola Ruta Modernista e os edificios do arquitecto, recentemente actualizada polo Concello de Ferrol. 

O concelleiro de Cultura e Educación, Antonio Golpe, felicitou aos participantes polas súas obras e por “permitirnos atoparnos á obra de Rodolfo Ucha desde a mirada da infancia”. Golpe desexou que a primeira edición deste concurso de debuxo despertara nos nenos “o interese por coñecer un pouco máis de preto a obra do arquitecto ferrolán”. 

Pola súa banda, a concelleira de Patrimonio Histórico, Eva Martínez Montero, agradeceu a “implicación” do profesorado para facer realidade este certame e recoñeceu “o gran esforzos dos escolares”. “Sodes vós”, dixo, “os que tedes a importante misión de coñecer, querer e ensinar aos maiores todo o que temos aquí”. Con este concurso, apuntou Martínez Montero, o Concello de Ferrol pretender “promover a aprendizaxe e o amor pola nosa cidade”, neste caso a través da obra “dun dos arquitectos máis importantes de todos os que traballaron en Ferrol”. 

O xurado, presidido pola concelleira Martínez Montero, estivo formado polo concelleiro Antonio Golpe, a filla do arquitecto Rodolfo Ucha, Lucila Ucha; o profesor de Bellas Artes do IES Concepción Arenal, Manuel Amable; o profesor de Artes Gráficas do CIFP Leixa, José Antonio López; o arquitecto municipal do Concello de Ferrol, Felipe Cotovad; e a guía turística e xerente de Ferrol Guías, Isabel Díaz-Robles.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar